Opinión

Non hai moito e non moi lonxe

Cando me dispuxen a recoller a entrada, as mulleres -probablemente nai e filla- de dúas parellas que se atopaban nos accesos á exposición, debatían entre elas se pagaría a pena mercalas ou non.

Mentres a máis maior argumentaba a favor do non "porque dura mucho" (as previsións da visita anunciaban un percorrido dunhas 3 horas), a máis nova non quedaba atrás na conversa, deixándose convencer con esa mesma razón. Os dous homes, pola súa banda, formaban parte da escena un tanto alleos á mesma e usando un ton de voz inintelixible para min, polo que non son quen de reproducir agora a súa opinión.

O caso é que polo menos canda min non entraron, polo que descoñezo se na opinión dos catro pesou o medo ó tedio e ó desacougo, ou se pola contra finalmente superaron os prexuízos e si que optaron por se mergullaren nunha mostra tan senlleira como crúa e tan realista como descriptiva dos feitos máis crueis que foi quen de perpetrar o ser humano contra os seus semellantes e que transcorreron -como ben sinala o título da mesma- "non hai moito" e "non moi lonxe", no mesmo corazón de Europa.

Se optaron por iso último, estou seguro de que cando chegaron ó remate do labirinto de reflexións que a mesma provoca, non lembrarían para nada as plantas dos pes achatadas nin malestar nas sufridas articulacións (eu estiven dentro catro horas e cuarto), porque os sentimentos e as sensacións xiraríanlle coma unha espiral ateigada de preguntas sen resposta, converxendo todas elas nunha soa cuestión: Como puido, o ser humano, ser capaz de pensar, deseñar, provocar e protagonizar tanto horror xunto!

Estou falando da exposición "Auschwitz. No hace mucho. No muy lejos" que aínda pode ser visitada no Centro de Exposcións Arte Canal de Madrid ata o próximo 3 de febreiro e que non debería deixar de ver ningún ser humano de boa ou mala vontade, por máis películas e documentais que teña visto e máis libros de historia ou novelas que teña lido sobre o holocausto xudeo ou sobre o horror nazi, que o define mellor.

Nin unha ducia de páxinas que ocupara esta columna serían suficientes para describir o remuíño de sombras -tamén de esperanzas- polo que naveguei a través dos 68 puntos de atención literarios, visuais, audiovisuais e sobre todo de obxectos reais traídos do propio campo de exterminio, dos que consta tan extraordinaria e acaída mostra.

Sobre todos eles destaco o zapato dun neno co seu calcetín aínda dentro. E, coma suspendido sobre a súa vitrina, un único e inquietante pensamento: Realmente, somos capaces de asegurar con contundencia que algo así non se vai repetir algún día?

Te puede interesar