Opinión

E por que non, once?

Estaba xantando en pleno domingo cando un amigo que estaba sentado fronte por fronte de min recibiu unha alerta no teléfono que viña a dicir: "O presidente da Xunta remodela por sorpresa o seu goberno e amplía a dez as Consellerías".
Loxicamente, cando un recibe unha noticia de alcance, a nada que teña a súa máquina de pensar minimamente lubricada e en disposición de analizar a golpe de piñón eses primeiros datos, non fai falta que sexa un profesional da información para que de pronto lle xurdan algunhas preguntas que evidentemente acabarán sendo contestadas a medida que a nova vaia deixando de ser de impacto e a analítica xornalística comece a exercer o seu labor de mediador co receptor da información.


Nese contexto, unha vez coñecidas as mudanzas planificadas polo equipo de mantemento de Monte Pío, a min xurdíronme dúas incógnitas ás que non lles daban resposta as primeiras informacións e que aínda agora -cando escribo- non logrei ver por ningures, malia que tamén é certo que non lin, nin moito menos, tódalas noticias elaboradas arredor do que agora chaman "crise" de goberno, que tampouco teño dado entendido por qué se lle chama así.


A primeira das preguntas que cortocircuitou os meus miolos fai referencia ás razóns polas que levou a cabo tal remodelación gobernativa, con alevosía dominical e sen que nin sequera un só medio de comunicación fora quen de interpretar á bruxa Lola e aventurar uns días antes cuestión tan transcendental.


Sería co fin de non alporizar á sociedade galega con impactos de rumoroloxía? Ou sería para non alborotar o seu propio galiñeiro e non dar pé ás impenitentes loitas da parcelaria (...se me quitas un predio de labradío, tes que me dar outro igual, se me borras unha horta, tes que me dar un eixido..., en fin, que se cesas a unha de Ourense, non podes poñer a un de Baiona,  e se fulminas a unha muller, non podes poñer a un home, por iso da cota..., etc., etc.)?


O segundo razoamento ó que non logrei verlle a luz dunha resposta é a pregunta que insiro no titular e que agora repito: E por que non, once?
Iso, se o que reclama a nova situación económica é volver a desencorsetar as consellerías e que cada unha comece a liderar a recuperación no seu ramo. Se este novo contexto precisa que cada consellería se dedique ó que se ten que dedicar e non ó seu traballo e máis ó do da mesa do lado. Se "Economía e Industria" pasa a levar Emprego, como hai tempo que debería ser. Se "Infraestructuras e Vivenda" se afastan de "Medio Ambiente e Ordenación do Territorio". E se os productos da Terra e do Mar volven seren xestionados por separado, como nunca debeu deixar de ser, por qué -pregunto- "Educación e Cultura" continúan como a auga e o aceite sen ningunha razón de ser.

Te puede interesar