Opinión

Non sabemos o que temos

Chámeme inmodesto, se quere, pero o que vou repetir agora é algo que levo escrito con frecuencia cando por "h" ou por "b" acabo por referirme ó inmenso e inxustamente valorado patrimonio cultural e natural que posuímos ó longo e largo desta provincia de contrastes na que nos ten tocado vivir. Isto é, que con demasiada frecuencia infravaloramos o que temos ata que acaba pasando algo. Ou, dito doutro xeito máis palmario, non sabemos o que temos ata que ven alguén de fóra a ensinárnolo.

Poñamos por caso, dende a noite dos tempos, salvando aqueles da colonización romana, os ourensáns levamos tirando polo "retrete" un inmenso manancial de auga a preto de 70 graos de temperatura e dándolle como único uso o de enganar ós nosos parentes ou amigos que chegan de lonxe para que escalden os dedos diante do cano das Burgas porque ata que tocan non lle dan creto a que a auga poida ser salferida tan quente das entrañas da terra.

Iso, ata que un día chega, por exemplo -non digo que teña acontecido- un xaponés e nos dí que aquí van facer os baños termais máis exclusivos do mundo e entón o que antes nin sequera estaba á venda porque ninguén lle daba valor, pasa de ser unha ruína a ser aínda unha ruína maior porque ninguén é quen de mercalo debido ó estratosférico valor que lle poñen ó predio, non vaia ser que outro -ou o colectivo- se poña rico á conta do patrón!

E, se por se ese non chega, digamos que dende mediados do século XVII a nosa provincia conta coa imaxe iconográfica da virxe máis pequena do mundo e, sen embargo, os que escribimos nos medios de comunicación dámoslle mesmo un valor anecdótico, incluso cando a peza -única e irrepetible- xa estaba desaparecida e asasinado o seu custodio señor.

Agora, cando a súa improbable aparición precise doutro milagre, é cando comezamos a darlle valor.

E escribo todo isto, a modo de exemplo, porque dende que a xeoloxía a formou -falamos, entón, de milleiros e milleiros de anos- a corga nacente do río Fecha conta no municipio de Lobios coa fervenza máis alta de Galicia e só lle comezaremos a dar valor turístico con capacidade de comercialización exterior a partir desta fin de semana na que a fatal conxugación dun conxunto de rochas afiadas, máis a gravidade, máis a auga deron cabo dun experimentado, seica, barranquista de Porto, que achou a morte onde soamente procuraba emocións.

Estou completamente seguro de que a partir de agora a fervenza do río Fecha verá crecer o seu mito e aquela acudirán deportistas de ben máis alá de Porto.

O dito, non sabemos o que temos, ata que chega alguén de fóra e nos zarabate coa realidade nos ollos. Entón, despois da "boutade" ou da traxedia, é cando comezamos a darlle o seu verdadeiro valor.

Te puede interesar