Opinión

Non sei que celebran

Nantronte pola noite, denantes de marchar á cama e despedir un día que me deixou baldadas as entendedeiras racionais, ó meso nivel -salvando as lóxicas distancias- que me quedaran as emocionais aquela infausta tarde de mediados de agosto, lin un queixoso comentario dun colega de oficio que me provocou solidariedade con el.

Laiábase el, con sentido lamento, de non poder  compartir posicionamentos intelectuais con outros amigos e amigas do seu muro, cos que comparte, sen embargo, outras moitas afinidades sociais, culturais e mesmo empatías idieolóxicas noutros moitos aspectos da vida e mesmo se sentía mal por non ser quen de expresar a súa opinión respecto dos sentimentos que lle provocaba todo o desvarío catalán, como lle gustaría facelo, por medo a iniciar debates dos que logo se arrepentise ter a aberto.

Cando lin tal, recomendeille a lectura dalgunhas das columnas por min escritas nas últimas semanas, porque se cadra nelas atopaba algo de compañía nelas.

E é certo, a min tenme pasado nos últimos tempos ter accedido a lecturas e comentarios de xentes reflexivas e racionais, con ampla bagaxe intelectual e abondosa formación cultural, que non teño sido quen de dar codificado, a veces por que non teñen o máis mínimo alicerce argumental e outras pola súa visceralidade, impropia do comportamento que no ámbito persoal lles recoñezo.

Mesmo algúns chegan ó grao de semellaren felicitarse polo feito de que mañá mesmo a sociedade catalá logre abrir unha fenda insuperable co resto da sociedade española e incluso a burlárense de que os responsables de manter a argamasa do país intacta sexan víctimas de escarnio por parte da mobilizada sociedade independentista catalá.

Si, xa sei que por empatía internacionalista coa causa que cada independentista defende para o seu territorio, sempre se xeran alianzas. Máis cando existe un inimigo común, coma neste caso é o mantra da “capital”.

Sen embargo, todos estes argumentos veñen a baixo coma un castelo de naipes se un lle dá lectura á opinión dun dos máis prestixiosos economistas galegos, como é o catedrático da Universidade de Vigo, Santiago Lago, quen aínda mesmo onte asegurou que o custo que lle suporía a Galicia a hipotética independencia catalá, andaría, máis ou menos, polos 1.000 millóns de euros ó ano.

É por iso -e por outras moitas cousas- polas que non dou entendido como moitos galegos son quen de se poñeren tan "cachondos" cada vez que o goberno catalán dá un paso máis cara a onerosa (para nós) independencia ou cara ó caótico (para eles) abismo cara o que inexorablemente camiñan.

Te puede interesar