Opinión

Non si?

Acabo de ler na Rede que os dous titiriteiros (non o entrecomiño porque vai escrito co seu sentido literal e non con ningunha acepción secundaria) do entroido madrileño xa foron postos en liberdade.
Non é sen tempo, debo dicir denantes de nada, por máis que a obra -que eu, loxicamente,  non vin- poida ser de mal gusto para moitos e non apta para crianzas -que iso xa non é responsabilidade deles, senón dos programadores-, tal como ó final aconteceu.

Sinceramente, non son eu dos que penso que tódolos males da sociedade se deban solucionar con coercións policiais e restriccións xudiciais para logo acabar en procesos penais que leven á xente á cadea. Nin moito menos.

Os males da sociedade -penso- hai que atacalos inicialmente cunha lexislación axeitada e cunha racional aplicación da mesma, pero solucionalos deben ser solucionados fundamentalmente co coñecemento e coa educación.Esa mesma educación tan camaleónica e mundante pola que agora -tampouco é sen tempo- comeza a clamar a elite da sociedade civil, neste caso as Reais Academias existentes no país, que dis que acaban de asinar un manifesto pedindo que sexa sacada do debate partidario e pase a formar parte deses catro ou cinco grandes alicerces que deben servir de basamento para o noso futuro común.

Non creo, polo tanto, que os dous actores de reparto desa obriña de teatro de rúa deberan teren sido levados a prisión, porque, entre outras cousas, cabería preguntarse se era a primeira vez que representaban tan polémica obra. E se non o era, tamén sería pertinente cuestionarse por qué non foron denunciados en calquera outro escenario de calquera outra cidade ou barrio madrileño e por qué tivo que ser agora, precisamente, no entroido, cando todos dalgún xeito abrimos un pouco a man da tolerancia para asumir remedos e críticas que noutra época do ano non seriamos quen de resistir.
E digo isto porque chegar tan adiante no sistema de prevención como metelos na cadea por máis que chegaran a faceren apoloxía satírica do terrorismo internacional e doméstico, ven a ser algo así como meter na cadea a dous amigos por roubar uns cangallos de uvas ó pasar ó carón dun bacelo polas viñas do Ribeiro. De ser así, sería certo que roubaran, pero para iso están os códigos xurídicos, é dicir, para modular ou proporcionar, se se quere, as penas cos seus respectivos delictos.

E unha obra de teatro de rúa pode ser chabacana, burda, aburrida, insultante, mala de solemnidade, se se quere. Pero, a estas alturas da democracia, constitutiva de delicto...? Home, non sei... As palabras non matan, que eu saiba. E se alguén se molesta con elas, con levantarse e marchar ten feito. Non si?

Te puede interesar