Opinión

Os nosos picos

Hai uns días chegou á miña caixa de correo o enlace dun curto pero fermoso vídeo promocional, promovido pola Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima, a través do cal se amosan por medio de imaxes aéreas de moi baixa altura (drone) algunhas das estampas máis características e certamente espectaculares do Parque Transfronteirizo Gerês-Xurés.

Tan pronto o recibín non puiden menos ca compartilo para que aqueles que forman parte da miña rede persoal tiveran a mesma oportunidade ca min de gozar desa singularidade xeográfica e natural dende tan próxima e ó mesmo tempo inusual perspectiva.

Ó compartilo incluín un comentario -o primeiro que me veu á idea- que dicía: "Os nosos Picos de Europa, ós que non lle teñen nada que desmerecer".

E é que cada vez que me achego ata el, sexa polo recanto que sexa, ademais de sentilo cada vez máis cercano -máis meu-, refórzaseme a vella teima de ser quen de ver un día o triángulo arraiano-ferriniano formado polos vértices de Celanova, Montalegre e Arcos de Valdevez, comercializado no mercado turístico internacional, porque aínda que moitos poidan pensar que a comparativa que insiro no titular é unha "boutade" ou unha botaratada, se así o pensan é que non coñecen ben os Picos de Europa como referencia para o turismo familiar ou -o que poida que sexa máis probable, aínda que insólito- é que descoñecen de plano as posibilidades para ese mesmo turismo familiar de todo canto agacha -no noso caso sen explotar- o descrito triángulo partido polas serras do Leboreiro e do Xurés.

O videoclip que me dá pé para esta reflexión iníciase cun voo rasante polo que queda da fortaleza de Castro Laboreiro, aquela que despois de ser propiedade de Hemenegildo Guterres (o avó de San Rosendo), foi conquistado por Afonso Henriques para sumar fitos xeográficos á causa da independencia.

Estas dúas semanas pasadas tiven o pracer de estar por dúas veces alí, almorzando no restaurante Miracastro, onde dis que se come "o mellor bacallao con broa do mundo" -cousa que eu acredito ata onde chega o meu mundano saber bacallaeiro-, e nunha delas a muller dun amigo meu, logo de ter percorrido os 25 km que separan a vila de Melgaço da vella fortaleza, recriminoume -afectuosamente- a elección do lugar, exclamando algo así como: "Pero a donde nos trajiste? Al fin del mundo!" Viña de Vigo...

Viña de Vigo, pero a súa arroutada exclamación, morando como mora a 75 km, fíxome pensar no grao de descoñecemento que os galegos de a pé temos (e non digamos xa os portugueses do común sobre os nosos propios espazos) do noso entorno do sur máis inmediato.

Por certo.

Te puede interesar