Opinión

O AVE, o ouro e o carbón

Cando entrou na vella estación da Ponte a primeira locomotora que chegou a Ourense (... por onde ela pasa/ fecunda os terreos,/ espértanse os homes,/ frolecen os eidos...") e que con tan boa perspectiva histórica cantou o meu admirado Curros, tal e como ben se pode ver na magnífica ilustración que inmortalizou tan importante acto para a nosa provincia aquel 31 de marzo de 1881 o cronista valdeorrés Tiverio Ávila; a máquina a vapor traía canda ela un xeneroso vagón de carbón co que poder alimentar a caldeira que transformaba a calor en vapor e o vapor, coas sucesivas estacións de transferencia, en movemento circular que lle permitía -volvendo ó poeta- avantar "cómaros e corgas, e vales e cerros..."
Non era, pois, carbón que lle trouxeran ós nenos malos que houbera daquela na cidade das Burgas, senón que era carbón que simbolizaba "a luz i o progreso".

Non mo van crer, pero anos despois, ese traxecto Vigo Ourense era a única vía de comunicación para poder chegar por tren a Madrid, a través dun longo percorrido pola costa portuguesa e -ironías da historia- Extremadura. Tardaba a viaxe, daquela, nada máis e nada menos ca 36 horas. Unha mindundia se se comparaba, sen embargo, coas decimonónicas  xornadas nas máis vellas aínda dilixencias de a cabalo.

É evidente que o tren que con tanta propiedade como demostración de coñecemento do que ten entre mans, degrañou a directora da Adif, Isabel Pardo de Vera, non vai precisar do carbón daqueloutra vella locomotora para colocarnos en Madrid en dúas horas e cuarto e para poñer nas nosas mans as condicións imprescindibles para que aconteza o que de forma eufemística e literaria compuxo daquela o poeta de Celanova.

Pola contra, escoitando ou lendo de cando en vez algunhas afirmacións ou declaracións populares ou políticas, teño eu a sensación de que aínda hai algunha xente -por non dicir, moita- que debe pensar que no canto do carbón o que vai facer o AVE vai ser traer en cada viaxe un dos primeiros vagóns cheo de ouro para enriquecer de contado a nosa provincia, de forma que só teñamos que transformalo en onciñas e metelo no mercado.

Digo isto porque unha das preguntas que lle foron formuladas á executiva do Ministerio foi se creía que a chegada do AVE ía supoñer un enriquecemento directo do comercio ourensán, ó que ela, sabiamente, lle contestou que o que fai a chegada do AVE a unha determinada área xeográfica e poñer as condicións para que se acelere a economía en moitos e moi diversos aspectos, dun xeito especial o comercial e turístico, pero o que non vai poder facer o AVE é montar ós clientes en Madrid e meterllos ó comerciante no seu negocio. Para iso, teremos que espremer nós os miolos, digo eu. E a veces teño dúbidas de que o esteamos facendo.

Te puede interesar