Opinión

O futuro é un estado de ánimo

Non podo referenciar o punto de orixe da información porque quen pronunciou o dato non informou ó respecto e tampouco me puxe a esculcar na rede, polo tanto, igual que eu llo crin porque o informante meréceme toda a confianza profesional, voulle ter que pedir a vostede, benquerido lector, que me crea a min tamén.

O dato en cuestión, que traio a colación porque aínda sendo consciente empiricamente dunha aproximación, ó visibilizalo con números tan contundentes resulta moito máis clarividente, pronunciouno nantronte o economista orixinario das Terras de Celanova (concretamente -especifícoo porque el repetiuno varias veces- da parroquia de Zarracós, no concello da Merca) e membro dunha coñecida familia ourensá, Miguel Ángel Vázquez Taín, no transcurso dun acto na miña vila sobre o desenvolvemento rural e que tivo lugar no auditorio municipal.

E, concretamente, di que nas catro quintas partes do territorio galego habitamos un 25 por cento da poboación residente nesta terra. É dicir, en termos absolutos, tendo en conta que Galicia ten arredor de 30 mil quilómetros cadrados e unha poboación raiana cos 2,7 millóns de habitantes, resulta que en 24 mil quilómetros cadrados vivimos 675 mil persoas, mentres que nos 6 mil quilómetros cadrados restantes viven -en números redondos- dous millóns 25 mil persoas.

Velaí, pois, o quiz da cuestión. É dicir, as cifras que, en forma de reflectante e pestanexante neón, a xeito de cruz de farmacia (por non poñer outro exemplo), debe haber en todos e cada un dos despachos de San Caetano e que lles marcan o camiño das decisións á hora de elaborar os planos anuais de investimento.

Si. Xa sei que, se vostede forma parte da estructura administrativa -e incluso máis, se é da elite directiva-, arestora estará meneando a cabeza e dicindo pola calada que isto non é así. E claro que non é literalmente así. Pero, e se lle pregunto: ...E subconscientemente?

Entón si que non andaremos tan afastados dunha realidade que eu podería testemuñar coa miña propia experiencia.

Como lle damos a volta a isto, logo entón, para que o futuro das xentes que habitamos neses 24 mil quilómetros cadrados teña as portas abertas á vida e non ás do cortexo fúnebre que nos conduza cara o cemiterio?

Probablemente deberiamos ter sido moito máis reivindicativos dende hai ben tempo, con argumentarios de peso. Pero igual que deberiamos ter sido reivindicativos, o que un documental proxectado nantronte no auditorio me axudou a constatar, unha vez máis, é que temos que facer votos de vez para erguermos "a paletilla" (resulta triste ver a un mozo á fronte dunha empresa, no canto de opinións emitir soamente laios), pois, aínda que non o creamos, o futuro é tamén un estado de ánimo.

Te puede interesar