Opinión

O museo do crime

Hai xa uns cantos anos, cando estaba á fronte da comisaría de policía de Ourense, Luís García Mañá, dentro dunha campaña -el corrixirame, pero non me deixa mentir- de aproximación da policía á sociedade, tratou de crear un pequeno museo do crime, pensando sobre todo na didáctica de forma que a xente puidese coñecer os pormenores das probas indelebles que ó final sempre deixa unha actuación criminal, por máis que o delincuente trate de evitalas ou de borralas, e que son o fío polo que os investigadores comezan a turrar coma quen desembeleña un novelo, ata chegar ó seu desenvolvemento final, que é cando se produce a detención e posterior condena do autor ou autores do mesmo.

Daquela publicamos un artigo ben ilustrado na revista Auria e se mal non lembro a escena do crime era un asasinato nunha habitación, completado todo despois con distintos obxectores, vellos revólveres, documentos, etc., que recollían unha mostra da historia do crime en Ourense.

Descoñezo se aquel pequeno e interesante museo continúa ou non montado no singular edificio da comisaría de Ourense, pero de ser así, o certo é que nos últimos tempos esta provincia, tranquila onde as haxa -a non ser pola delincuencia ligada fundamentalmente á osmose da raia-, ten sido escenario dunha manchea de sucesos que convenientemente explicados e musealizados darían para un conxunto expositivo realmente interesante e mesmo para unha novela de Frank Soutelo, que non me estrañaría que, coa súa retranca e o seu aparente desinterese polas cousas de arredor, ande xa artellando algunha cábala sobre o momento delincuencial polo que está a atravesar, fundamentalmente a cidade, pero tamén o resto da provincia.

Sirva como botón de mostra esa truculenta historia e ó mesmo tempo tráxica, da desaparición de media ducia de pistolas regulamentarias e incautadas, da mesmísima armería da comisaría, adornada logo cunha operación contra o trapicheo da droga na capital e contra a presunta mala praxe dalgúns axentes cos seus confidentes, e ensanguentada a continuación cun presunto suicidio dun policía, rematando polo de agora coa detención de dous irmáns xemelgos -policías tamén- sospeitosos de utilizaren un pasadizo segredo para accederen ó interior da comisaría sen seren detectados polos controis habituais de "portas".

En fin. É certo que primeiro haberá que resolver, tanto este complexo e suxerente caso, como outros con final aberto, coma o da moza asasinada cando andaba a facer footing polos arrabaldes do Seminario e o máis doloroso para os meus, do asasinato de don Adolfo, o cura da Virxe do Cristal.

É certo. Pero unha vez resoltos, eu non escatimaría esforzos en completar o proxecto de García Mañá porque, agora máis ca nunca, a sociedade quere saber.

Te puede interesar