Opinión

O petulante

Había unha vez un home que creu ter nacido sinalado polo dedo do poder divino para ser un día unxido como líder da manada.

Viu a luz por vez primeira nunha familia da burguesía funcionarial madrileña, coma tantos outros que hoxe en día reparten progresía por arrobas cada vez que teñen ocasión de nos demostrar coas súas accións e opinións a sorte que temos tido por termos nacido dentro do paréntese da súa xeración. Poñamos por caso, o seu compañeiro de tripulación desa nave indefinida que planea cara ningures e na que, dende hai catro meses, nos levan a todos de excursión.

Cidadáns anónimos estratexicamente situados ó abeiro do poder democrático da transición, seus pais fixeron carreira profesional en Ministerios e criaron unha familia propia dos anos setenta e oitenta, que xa non veraneaban viaxando nun seiscentos camiño de Benidorm, senón en prazas máis propias desa emerxente burguesía socialdemócrata, filla da devandita transición.

Estudou en centros privados e tornouse incipiente xogador de baloncesto, comezando a subir chanzos dun xeito paralelo nos círculos políticos madrileños. Chanzos, tamén un tanto anónimos, pero sempre á sombra dos que toman decisións. E acabou por se facer doutor...

Alto, de bo planta, políglota e doutor, alguén reparou na aureola de unxido que -coma as ás da bolboreta- dende sempre levaba posta ó seu redor e viu nel a un auténtico redentor.

E así foi. Sinalado candidato, un día, perante millóns de televidentes, chamoulle indecente ó seu rival político cunha frialdade que nos crioxenizou a todos fronte ó televisor.

Logo acuñou unha frase de seis letras (no es no!) por cuxa autoría estou seguro de que ata Churchill ou o mesmísimo Einstein volverían á vida.

Dividiu ó seu partido dun xeito tan traumático que ata hoxe unha parte da militancia ainda non se recuperou. Dividiuno e marchou. Pero marchou coa aureola de unxido no seu interior e coas alas de bolboreta no maleteiro do seu Peugeot, sabedor de que volvería, porque el era o sinalado co dedo apuntador.

E fíxose presidente. E tatuou o "yo soy el presidente!", coma se volvera do Mar do Norte, a carón do corazón.

E nomeou un goberno de ilustres que, polo que se ve, sabían moito do seu, pero moi pouco da cousa pública e aí andan, a velas vir, atrincheirados na resistencia e autoconvencidos de que unha aliñación planetaria do mal vai contra eles con toda a munición.

Todo isto ata hoxe (onte para vostede), no que un lamparón protocolario no "besamáns" real me abriu os ollos e me amosou ó verdadeiro Sánchez. Non ó presidente "okupa", como lle berraron na Castellana. Non ó presidente que vai onde quere, cando quere e como quere (porque “yo soy el presidente”!) Senón ó candidato a Presidente da III República. Pedro I O Petulante. Dá o perfil? Ou non?

Te puede interesar