Opinión

O tren das nacións

Que Europa en xeral, España nun segundo andar, Galicia dun xeito moi grave e particular e Ourense en fase terminal, temos un problema demográfico que ameaza a nosa continuidade como estamentos sociais, é unha obviedade sobre a que non só teño reflexionado eu neste espazo en multitude de ocasións, senón que -non é sen tempo- agora comezan a analizaren con emerxente seriedade os que teñen na man as ferramentas para poderen mudar tendencias sociais e faceren que a nosa terra non se transforme nunha segunda selva negra fisterrá.

Velaí ata que punto ten chegado -afortunadamente- o nivel de conciencia institucional, que nantronte mesmo o presidente da Xunta case lles implorou ós mozos e mozas descendentes de galegos residentes en 16 países diferentes e que participaron nos últimos meses nas tres universidades galegas nun programa de mestrado de fin de carreira -é dicir, algo semellante ó Erasmus, pero á galega-, que quedasen en Galicia para axudar a repoboar unha terra que cando marcharon os seus bisavós e os seus avós adoecía nalgúns casos de sobrepoboación e que agora, pola contra, está a piques de entrar en estado de shock por inanición.

Por esta mesma causa, todos puidemos seguir por terra, mar e aire, as noticias que informaron dun encontro entre o propio presidente da Xunta e os seus colegas de Asturias, Aragón e Castela e León, no que ademais de estudaren estratexias para defenderen o reparto do "bacallau" que terá que reformular en breve o goberno central, tamén incluíron na orde do día a coordinación de propostas -que ninguén dá acometido por máis que fose creada unha oficina específica para loitar contra o despoboamento- destinadas a reverter a tendencia cara ó cero absoluto cara ó que nos encamiñamos sen solución de continuidade.

E isto, que penso que debería ter sido visto por todos como unha boa cousa, resulta que dende a perspectiva da líder do BNG ten unha lectura completamente oposta, ó considerar que reuníndose con estes presidentes, Núñez Feijóo aboca a Galicia a xogar na liga das rexións e afástanos do "tren das nacións" no que viaxan algo así coma os próceres do paraíso.

Sinceramente, por máis que o cabilo non son quen de dar entendido que problema ten o nacionalismo partidista galego contra as comunidades autónomas que non entraron na constitución pola vía das nacionalidades históricas, por máis que dúas delas sexan as nosas veciñas e non sexamos quen de comunicarnos co mundo -a non ser por mar ou avión- sen termos que atravesalas. Sinceramente non o entendo.

E como non o entendo, ó escoitar a perorata de Ana Pontón véuseme á idea a vella imaxe daquela nai de posguerra que lle rifaba ó seu fillo porque xogaba cos nenos pobres da aldea e non se arrimaba ós do “señor”: “!Non ves que de aí non tes nada que sacar!”

Pasoume esta imaxe en sepia polos miolos e certamente –que quere que lle diga- deume pena allea ver xente nova avogando aínda por políticas en sepia, cando hoxe xa está máis que superado o color.

Te puede interesar