Opinión

O turismo de interior

Acabo de ler unha entrevista á responsable do hotel de Allariz que me reconcilia coas miñas teimas continuas sobre as que tanto teño predicado nesta columna e sobre as que continuarei predicando, porque creo firmemente -e agora máis ó saber que hai voces autorizadas que pensan o mesmo- no seu inmenso potencial.

Resúmese a mesma nunha aseveración que afirma que "o turismo de interior ten futuro" e pon como exemplo referendatorio do que di, que durante as fins de semana o hotel acada o cen por cen de ocupación, centrando a súa oferta no turismo de ocio e o seu perfil de cliente potencial no denominado turismo familiar.

Que Ourense é a gran descoñecida das diferentes zonas turísticas galegas é un feito que non precisa de moitas estatísticas para ser tomado como unha absoluta verdade. E que é así por máis que unha altísima porcentaxe de visitantes que se achegan en tren ou en vehículos particulares deban pasar polo noso territorio, xa sexa polo fermoso macizo central ou polas veigas de Monterrei, a Limia, o Ribeiro e de máis, tampouco se pode poñer en dúbida ou contestar.

Algo temos feito mal ó longo de tantos anos para que iso teña sido así e non nos teñamos convertido, cando menos, nunha simple "parada e fonda" no que o viaxeiro poida tomar acougo e repousar.

E se quere que lle diga a miña opinión persoal, alén de erros concretos e de calado, que tamén os hai, creo sinceramente que isto ten acontecido porque nunca (por máis que as páxinas deste e doutros xornais se vexan ateigadas con titulares que falan de recuperar unha capeliña para o turismo, limpar un camiño para o turismo ou abrir un almacén de sachas e arados para o turismo) consideramos que esta provincia, que non ten mar, podería asentar unha parte importante da súa economía nun ben deseñado plan de xestión turística -pública e privada- baseado no seu patrimonio cultural, termal e natural.

É certo que agora temos comezado a dar os primeiros pasos, un pouco serios e con altura de miras, no ámbito do turismo termal. Pero son aínda moitos máis os que temos que dar no tocante ó turismo cultural -a exposición sobre os suevos, vai ser un magnífico termómetro- así como no natural, onde, evidentemente, ten cabida o deportivo, o enolóxico e moitos subsectores máis.

De aí que resulte especialmente gratificante escoitar como ecoan, de cando en vez, voces especialmente autorizadas, coma a de Goretti Iglesias, realizando afirmacións tan rotundas coma esa, pero postas en dúbida tantas veces por tantos responsables institucionais locais e, sobre todo, por tantos profesionais descridos do sector da hostelería e do comercio repartidos polos catro puntos cardinais de Ourense.

Te puede interesar