Opinión

Os novos refuxiados

Anda media Europa pelexada coa outra media polo asunto dos inmigrantes e refuxiados africanos, que aproveitan as bonanzas da climatoloxía estival para fuxiren da fame negra ou dunha morte segura, mentres o resto ou miran para outro lado ou fan política barata e de trazo curto sobre un problema que ameaza con se converter no gran mostro o que se vai ter que enfrontar a humanidade no seu futuro máis inmediato.

E en canto isto acontece polo Mediterráneo, aquí ó lado -na miña vila, por exemplo-, como ben retratou este mesmo xornal no exemplar de onte, estamos a sermos testemuñas caladiñas dun éxodo sen precedentes no noso entorno. Un éxodo que xa deixou de ser unha simple pingadura de retornados para converterse tamén nun continuo fluxo de familiares, veciños e coñecidos, que por desgracia xa comezan a verse convertidos en refuxiados que abandonan todo, fogar, coche e traballo, igual que no seu momento tiveron que facer outros galegos en Cuba ou -hai agora medio século- na Guinea.

Escoito na radio ou leo nos xornais -non sei- que dende hai algo máis de dous anos teñen sido máis de 2,3 millóns de venezolanos os que tomaron o camiño da diáspora. Un de cada dez -aí é nada!- que en escala exponencial foxen por onde poden, xa non tanto da carencia absoluta de futuro ou da falta de traballo, senón da inminente ameazada da fame e mesmo do medo a unha morte acontecida por inanición ou por violencia.

Sei de primeira man, porque coñezo con certa profundidade casos que tocan ben de preto á miña familia- que ata o de agora a Xunta de Galicia ten tratado de paliar moitas das carencias, actuando en colaboración directa coas entidades galegas abertas ó público en distintas cidades do país caribeño, dun xeito moi especial a Hermandad Gallega de Caracas.

Ora ben, visto o visto, é dicir o devalo en caída libre polo que arrumbou ó seu país o dictador venezolano e a velocidade á que están sucedendo os graves acontecementos que están tendo lugar alí, non estaría de máis -coido- que co fin de axilizar a capacidade de resposta á escalada de demandas de acollida que está chegando de Venezuela, alguén comezase a pensar se os que ata o de agora eran considerados "retornados" pasen a ter dalgún xeito estatus propio de "refuxiados" e se regulen respostas axeitadas a tal consideración.

Imaxine, ben querido lector que nantronte fose vostede unha persoa afortunada porque, froito do seu traballo, contase hai tres ou catro días con cen mil euros no banco e hoxe ó mirar a conta bancaria tivese tan só "un euro soberano". Imaxina como estaría este pais en tales circunstancias? Non ó borde, senón en pleno conflicto civil e ardendo polos catro costados.

Se isto non é motivo para tomar en consideración o que digo, entón, "apaga e vámonos"!

Te puede interesar