Opinión

Ourense na montaña palentina

Homo é vello e "ben trobado", non me vou deter moito no repetido adaxio que nos une a palentinos e ourensáns, colocándonos -por esta mesma orde- os primeiros e os segundos en riqueza arquitectónica relixiosa no ranking nacional.

O pasado domingo pola mañá tiven ocasión de comprobalo de novo, aproveitando a viaxe de regreso e facendo parada (fonda non a puiden facer porque estaban os restaurantes ateigados) en Aguilar de Campoo, onde, dende o pasado maio e ata o próximo novembro, manteñen aberta a vixésimo terceira edición -penso- da exposición "Las Edades del Hombre", que seguro que terá visitado nalgunha outra localidade de Castela-León e que neste caso trata de unir a importancia da montaña no simbolismo transcendente, non xa só do cristianismo, senón da práctica totalidade das relixións monoteístas que o ser humano leva profesando ó longo da  historia.

Levo uns días centrado en reflexións que me xorden arredor da xestión do patrimonio e neste caso non podo menos ca continuar cun novo capítulo desta xeira argumental, xa que logo, se algo me quedou claro no transcurso desta interesante exposición, isto é a importancia que ten o discurso na xestión da posta en valor do patrimonio cultural.

Poñamos por caso. Colóquese nunha cerimonia calquera nunha igrexiña parroquial das que devecen pola provincia. Non fai falla que sexa a máis fachendosa, nin tampouco a máis humilde. Unha mediana, dunha nave só e un pequeniño retablo como altar maior, chega ben.

Como xa coñece a liturxia, nun punto concreto da eucaristía é moi posible que se poña a pensar nas súas cousas ou a deixarse levar pola mirada, procurando, se cadra, a talla do patrón rodeado por unha descoñecida colección de santos e santas, virxes e querubíns tan propios do barroco popular galego.

Por máis que trate de procurar algunha explicación sobre quen é este ou aquela ou sobre a súa colocación, ou é un especialista ou aquilo non pasará de ser un simétrico iconograma de nada sinxela explicación.

E é que sen discurso que o contextualice, un castro non deixa de ser un fermoso lugar para inmortalizar panorámicas e un cadro, unha foto máis ou menos ben lograda noutrora por un famoso pintor.

Pois ben, en Castela-León son mestres nisto e levan un cuarto de século, non só dándonos leccións de como revalorizar o patrimonio, senón incluso pedíndonos emprestadas diversas obras para enriqueceren as súas exposicións.

Diso sabe ben o benquerido Miguel Ángel González, que desta volta tivo que xestionar a cesión dun fermosísimo candelabro de prata do século XVII procedente de Potosí (Perú) e que forma parte dos fondos do arquivo catedralicio ourensán. Candelabro ou “centelleiro” que alí pode ser contemplado como botón de mostra do moito que temos e só valoramos cando o vemos fóra, neste caso no corazón da montaña palentina.

Te puede interesar