Opinión

Ourense, parada e fonda

Son consciente de que non é a primeira nin a segunda vez que titulo unha columna con este tópico.

Hoxe fágoo ó fío das informacións saídas á luz estes días relativas á próxima apertura ó público do antigo hotel San Martín, agora como "Barceló Ourense" e con nada máis e nada menos ca 90 habitacións situadas no edificio máis emblemático, sen dúbida, do Ourense moderno.

Ó mesmo tempo coñezo polo xornal de onte a iniciativa dun grupo de restauradores -creo que inicialmente capitalinos- que por fin decidiron asociarse para algo máis ca para organizaren concursos de pinchos de temporada e seica xorden -así llelo fixeron saber ó presidente da Deputación- con toda a intención de se subiren ó carro da promoción turística profesionalizada. Ese carro que tanto tempo leva parado no medio do aira e que tanto precisa, sen embargo, esta provincia para non seguirmos arrastrando a rémora do "inmenso potencial turístico" que tan fartos nos ten e poder esparexérmolo de vez polo sumidoiro do tempo co fin de comezarmos a falar de dinamismo turístico, non de temporada, senón ó longo e largo do ano.

Traio estes dous exemplos a colación porque ademais de seren moi recentes, resumen con claridade meridiana ese tópico co que eu saúdo hoxe esta reflexión compartida. E tráioos tamén porque creo que por máis tópico que sexa, non deixa de ser unha realidade que a nosa provincia, como lugar de encrucillada de camiños -tanto en coche coma en tren- e obrigado lugar de paso para todas aquelas persoas que dende a maior parte de Galicia se queira comunicar coa Meseta e viceversa, están dalgún xeito obrigadas a facer "parada e fonda" nalgún intre do traxecto.

O que temos que facer non é outra cousa ca aprendermos a captalos -sobre todo ós que se achegan dende fóra cara outras zonas da terra- con audacia, seducilos e fidelizalos o meirande tempo posible con todas esas regalías para os cinco sentidos que nos ten legado a historia, a xeoloxía ou a natureza.

É certo que existe un Ourense termal. Pero esa non debería ser a única pata na que se debe soster o turismo, porque estariamos cometendo un inmenso erro. Existe un Ourense termal, é certo. Pero tamén existe un Ourense cultural, como ben ten sido demostrando. E un Ourense que soborda natureza. E outro que produce viño e que regala –nunca mellor dito- horta. Unha horta que hoxe crece ligada ó ocio e que tamén haberá que ir pensando en replantar dun xeito profesionalizado, precisamente para que esas "Fondas de Ourense" poidan ofreceren personalidade propia.

Beizóns, pois -como ben lle gusta dicir a Ferrín-, por ese acendido de fogóns, ós que lles desexamos longa vida en comandita, cos que poderen consolidar esa "parada e fonda" que tanto necesita Ourense.

Te puede interesar