Opinión

A palabra máis odiada

Hai dúas semanas, a cidade de Pontevedra acolleu unha nova edición -probablemente a da súa consolidación- da feira representativa da industria cultural galega, Culturgal.

Por segundo ano consecutivo tiven oportunidade de achegarme ata o Pazo da Cultura pontevedrés e constatar o que acabo de escribir. É dicir, que a feira galega das industrias culturais que esta terra tanto necesitaba, gracias ó traballo de moitos, ó compromiso institucional do concello de Pontevedra -que creu nela cando ninguén daba un peso polo seu futuro- e ó traballo levado a cabo por, entre outros, Xosé Manuel Aldea, da productora Ouvirmos, aí está para seguir crecendo coma un lugar imprescindible nun futuro inmediato para que todo aquel que desexe contactar con outros do mesmo ramo teña que pasar inexorablemente pola beira do río Lerez e entrar no mencionado Pazo da Cultura pontevedrés.

Entre as moitas actividades, iniciativas e propostas que o certame acolleu, houbo unha que chamou dun xeito especial a miña atención, e non tanto no propio recinto, senón polo resultado coñecido días despois a través dos medios de comunicación.

Con tal motivo, un colectivo denominado "disquecool", que se define como "o primeiro medio de tendencias made in Galicia" no que falan de "música, letras, estilos de vida, tecnoloxía, marketing, moda, arte ou deseño", organizou unha enquisa activa entre os asistentes á feira co fin de que cada quen escribise a palabra -para eles- "máis chunga" do galego.

Loxicamente, sen ningunha pretensión demoscópica ou sociolóxica que fose máis alá da propia experiencia empírica, pero cunha liberdade de concepto que non deixaba lugar a dúbidas, nin precisou de posibles "cociñados" posteriores, os organizadores da iniciativa concluíron en que a palabra máis odiada do galego é "¡grazas!". "Grazas foi a gran vendedora do referendo (...) e é tamén -dixeron eles- unha das que conseguiu máis comentarios cheos de carraxe a pé de urna", cousa pola que, como galego que ve con tristura cómo o noso idioma non fai máis que sufrir ataques letais por acción ou por omisión, sentín un certo alivio interno por ver que non son o único ó que lle rasca asperamente no oído cada vez que a escoito pronunciar, normalmente a un político ou a un non galego-falante ou galego-falante litúrxico, que os ai, por máis que si fose un dos primeiros que publicamente a rexeitou cando escribín unha columna que titulei "gracias por non dicirme grazas".

E se isto (en termos absolutos) me serviu para congratularme coas miñas serodias opinións, disimúleme a escatoloxía, benquerido lector, pero aínda me sentín máis confraternizado cando lin que o neoloxismo gratificador quedou á altura da "merda", a outra palabra máis odiada por tal foro de opinión.

Te puede interesar