Opinión

Palmeiras na neve

Polo de agora non teño logrado ver a película que leva por título o mesmo que sostén esta columna, cousa que non quere dicir que xa a teña desbotado das miñas opcións fílmicas e paso de contado a explicar por que.

A primeira vez que tiven ocasión de vela pasoume unha cousa ben curiosa -mellor dito, simpática- que case me saca os colores na faciana.

Foi a bordo dun avión de Iberia, na terminal internacional da T4 madrileña. O meu destino e o dos meus compañeiros de aeronave era Caracas, polo que ía ter tempo de ver máis dunha e de dúas películas ata cansar a vista ou que o sono me vencese no traxecto.

Ó meu carón viaxaba unha señora maior, xunto cun seu fillo e o seu marido, que, polo que lles escoitei falar, eran de Madeira e volvían dunhas vacacións para a súa terra de acollida.

Non ía moito máis dun cuarto de hora de travesía cando comecei a furgar na pantalliña que todos levabamos diante da nosa vista para facer máis levadeira a viaxe transatlántica. Premín a tecla de visionado de películas españolas e topei alí a cabeceira da devandita película cun vistoso e suxerente cartel que provocaba vela, máis alá do interese particular que eu tivese por visionala.

De contado dinlle ó "play" e logo dunhas imaxes de preámbulo, de súpeto apareceu en toda a súa dimensión unha escena explícita de cama tropical cun mozo e unha moza tal como deus os trouxo ó mundo, que me colocou nunha situación un tanto incómoda, indo como ía a carón daquela muller silandeira e entrada en bastantes anos, que miraba de reollo ó mesmo tempo para min e para a pantalliña, que xa é difícil de ver.

Tardei en apagala o tempo que me levou procurar a tecla virtual do "stop", xa que logo non era a miña intención tampouco a de importunar a aquela muller ou que sacara conclusións de fóra to testo, xa que nos quedaban nove horas compartindo apoiabrazos e sillón. Acabei vendo "8 apelidos cataláns", que tampouco a vira.

Que por que teño tanto interese en ver esa película, preguntará vostede. Pois velaí que, como sempre hai unha razón para todo, esta é porque aborda unha emigración de cuxo abrupto final acaba de se cumprir medio século e que a min me resultou sempre moi cercana porque teño amigos e coñecidos que gardan aínda hoxe a súa memoria infantil alá.

É a emigración guineana, sobre a que hai uns días escribiu na columna veciña Afonso Vázquez Monxardín e que, como el ben apuntaba, precisa dun amplo estudo que poida colocala ó nivel doutros destinos migracionais moito máis coñecidos por todos nós.

As Terras de Celanova, con multitude de masters sobre emigración, saben ben de moitas desas historias que agora o Concello de Quintela de Leirado quere transformar nunha exposición permanente sobre a que eu lles desexo o máximo éxito posible, pois o asunto ben o merece e aínda máis o merece a historia ourensá da emigración.

Te puede interesar