Opinión

Para un que tiñamos...!

Andaba eu dando un paseo co Quino -que pouco a pouco vai ocupando o lugar, na compaña e no afecto, do vello Pachín- polos arredores da miña parroquia de Santiago de Amoroce, nas estribacións da Casa da Neve, cando unha chamada telefónica me alertou: "Viches? Están tolos eses romanos!"

Por cuestións de índole meramente pragmática non identificarei ó autor da chamada entrante, por máis que sexa xente coñecida e coñecedora dos intríngulis da Real Academia Galega -non foi, dígoo para os que adoitan ver letras de máis entre liñas, Luís González Tosar-, pero o caso é que me informou do que eu aínda non lera: "Sabes que acordaron darlle un prazo a Ferrín para expulsalo definitivamente da Academia?"

Loxicamente, tan pronto volvín do percurso canino, púxenme á procura da información precisa e concluín en que, aproveitando que a saraibada pasaba por Galicia e ó rebufo dunha cuestión de orde pretendidamente reparadora que algúns correlixionarios de Méndez Ferrín pretenderon introducir na reunión, os actuais reitores da entidade lingüística entenderon que era bo momento para limpar o po intelectual ferriniano que aínda se conserva no ambiente do vello edificio da Rúa Tabernas e acordaron darlle un prazo de tres meses -penso- para que o que fora presidente aperturista da institución, comungue coa roda do muíño da rectificación ou, en caso contrario, ser definitivamente expulsado do "olimpo".

Calquera que coñeza minimamente a Méndez Ferrín sabe que poñerlle por riba da mesa un órdago tan infantil a estas alturas da súa vida, ven a ser algo tan pueril como pretender matar o as co tres á brisca. E tal se pronunciou xa o arraiano, facendo oídos xordos a decisións, non vou dicir necias, pero con ben pouco sentidiño e mesmo con ningunha oportunidade actual, pois o último que precisa unha institución cultural coma a Real Academia Galega é transmitir un estado de permanente conflicto interior coma o que ten transcendido á opinión pública na súa última etapa.

Transcende iso, como transcende tamén unha realidade que por máis que queiran nebulizar con argumentos absolutistas (é dicir, na selección dos académicos non teñen cabida cotas territoriais porque Galicia, á efectos da lingua, é territorio único), é unha realidade que evidencian as cifras e que, por máis que os puristas o rexeiten, constitúe unha anomalía que deberá ser paseniñamente corrixida, queiran ou non queiran. E isto é que a provincia de Ourense -probablemente onde mellor se conserva, onde máis creatividade se dá á súa sombra e onde máis é falada a lingua galega- está infrarrepresentada na Real Academia Galega. E, para un que tiñamos, igual que lle aconteceu a Curros no Centro Galego da Habana, aínda no lo queren botar fóra!

Te puede interesar