Opinión

Paradores

A tarde do luns levoume, por causas non relevantes para o material desta columna, polo sur da Ribeira Sacra. Unha curta reunión entre os muros de San Pedro de Rocas permitiume visitar unha vez máis a cripta que os eremitas escavaron na rocha -de aí o seu nome actual-, así como as ábsidas semi- circulares que co tempo reproducirían os mestres do románico e que aínda se poden contemplar en moitas das igrexas altomedievais que se conservan na nosa provincia. E tamén me trouxeron á memoria un tempo no que aquel edificio resultante da evolución dos primeiros momentos rendeu tributo á casa grande de Celanova. Non había ser o único.

Logo, xa en soidade e sen os atadallos de tempo que me daba a tarde libre, decidín achegarme, tamén unha vez máis, ata San Estevo de Ribas de Sil, ligado así mesmo á figura de Rosendo Guterres e ó propio cenobio celanovés, non en van o seu primeiro abade, Franquila, foi "fichado", como agora o Real Madrid fichou a Ronaldo ou o Barcelona a Neymar, para que rexera os destinos primixenios de Celanova, mentres o fundador se agachaba no edificio coma un monxe máis de entre a trintena de habitantes da primeira congregación.

Chego, e despois de ver pendurado aínda o cartel explicativo que me informa sobre a excelente exposición permanente que no piso superior do claustro dos bispos ou dos medallóns, mantén aberta Florencio de Arboiro á espera agora da súa instalación futura no museo do afiador, cruzo o claustro novo -aquel que tanta polémica levantou cando ó arquitecto Suances decidiu cubrir unhas das fachadas do mesmo con cristal de substitución- e sento nunha cadeira da cafetería para poñerme a redactar esta composición.

O silencio, só fendido na distancia por unhas pequenas obras de acondicionamento do exterior, por algunha que outra conversa máis ou menos cercana e algún pequeno ruído de louza ou vidro no interior da cafetería, convídame a escribir case nas mesmas condicións que o fago a cotío na soidade do meu escritorio coa soa compaña do ordenador.

Pido un refresco, primeiro, e logo unha auga sen gas -que me serven de Mondariz, por certo, coma se Ourense non tivese augas para dar e tomar-, mentres grupos de tres ou catro persoas, parellas amigas, pais e fillos e outras formas de relación, van de aquí para alá ó ritmo cadencioso, paseniño e silandeiro ó que convida o lugar, a paraxe e a vexetación, e lembro, entón, polémicas de outrora que, con tódolos respectos para quen disinta, fanme pensar finalmente en qué dano pode causar un Parador para que haxa xente que se posicione radicalmente, e mesmo se manifeste, en contra, coma se fosen instalar un reactor de uranio no seu comedor.

Por certo, polo refresco e pola auga aboei 5,95 euros, que a algún salario da zona han surtir, poño por caso. Ou non? 

Te puede interesar