Opinión

Parques naturais? Así non, gracias

Unha vez máis -e aínda o sol non cruzou o rubicón do solsticio- escribo no patio da miña casa cun mesto cortinón de fume que non permite máis ca adiviñar a liña horizontal do Furriolo ó outro lado do val do río Sorga, sobre cuxa faldra de poñente se sitúa a miña aldea de Amoroce.

Escribo coa ollada fitando de reollo cara un horizonte que me indica que nalgures -non moi lonxe- algo está a arder, e coa idea mentando outro horizonte máis alonxado, a través da cal alcanzo a ver un carrusel de imaxes infernais e apocalípticas que, sen embargo, estou seguro de que non contan nin a milésima parte da traxedia que esta fin de semana aconteceu no Centro de Portugal, o Portugal ruralizado, avellentado, deshabitado e sen labor que ten visto devecer as súas aldeas ata límites infinitésimos. Coma nós.

Sobre estas dúas imaxes de referencia, loxicamente, do mesmo xeito que con toda seguridade o ten pensado vostede, coa mirada fixa -agora- sobre a aldea de Casasoá, completamente acurralada por unha masa informe e lenta, con alturas de masa forestal que superan nalgúns casos ducias de metros os tellados vermellos da aldea, non podo deixar de pensar na data indefinida pero desgraciadamente certa na que terá lugar algo semellante nesta nosa terra.

E, feita esta pregunta, que loxicamente ninguén quere nin sequera formular, trasládame o pensamento, unha vez máis, ó corazón tecnocrático de Europa. Esa Europa, agora en interdito, que lle concedeu toda a agricultura ós que xa tiñan de abondo, vendéndonos a nós o bucolismo romanticista -que mercamos coma parvos- de que nos ían converter co tempo nun inmenso parque natural polo que as xentes de Centro Europa ían pelexar para visitarnos.

Velaí o error -o inmenso error- que cometemos daquela e que agora pende de nós coma unha espada de Damocles que por veces semella ser vencida pola lei da gravidade cando -á vista da traxedia de Pedrògrão- comprobamos cómo a ameaza de chantarse nas nosas cabezas non está tan lonxe, como tampouco estaba lonxe das xentes do Centro de Portugal, o Portugal ruralizado, envellecido, deshabitado e sen labor que agora chora a mesma traxedia que algún día acabaremos chorando nós.

Serán suficientes 63 mortes, cada unha cunha historia por vivir lamentablemente queimada para sempre entre piñeiros e eucaliptos antorchados, para que os que teñen na man as ferramentas da lexislación e os recursos -é dicir, os que gobernan-, sexan valentes dunha p. vez e decidan poñer en marcha algún –calquera!- dos infinitos plans que explican cómo devolver á vida ese mundo ruralizado, avellentado, deshabitado e sen labor -coma o Centro de Portugal, coma o interior de Galicia- no que temos todo o dereito a vivir e queremos seguir vivindo?

Serán suficientes? Pregunto. Ou haberá que comezar a proclamar a berro seco que non queremos morrer ardidos no medio dun parque natural, senón simplemente convivir en harmonía co medio.

Te puede interesar