Opinión

O Pazo Baión

Leo, na "Historia en 4 tempos" do domingo, unha breve reseña de hai 25 anos, na que Maribel Outeiriño lembra que o día 26 de abril de 1990 o "presunto capo Laureano Oubiña é absolto por un xulgado de Pontevedra, dos delitos de contrabando e atentado".

Leo iso e tan intranscendente nota de efemérides chámame a atención, non porque eu sexa un seguidor das novas xudiciais protagonizadas por un dos pilares básicos onde se alicerza a triste fama da noutrora "narco-ría" de Arousa, senón porque xusto o día anterior, unha visita de cortesía a un colectivo cultural de Baión me levou a xantar xusto no santuario do que todo aquilo representou nos anos 80 e 90 e do que aínda non se deu reposto o bo nome e traballador da productiva ría de Arousa.

Se eu lle mento, así simplemente, o Pazo Baión, estou seguro de que de súpeto se lle activará unha bombilliña no arame da memoria que lle debuxará máis ou menos nebulosamente un edificio de entre viñas e dous torreóns dominando a paisaxe vitivinícola das terras altas de Vilanova de Arousa, e ó seu carón o nome do narcotraficante enriba mentado.

Tráioo, pois, a colación porque a visita permitiume ver dende o seu interior -agora en posesión dun ensarillado económico apegado a unha cooperativa vinícola veciña á súa fronte- ata onde chegou o nivel económico dalgunhas xentes que nun momento dado das súas vidas, cando eu era un mozo de vinte e poucos anos, deron o salto sen rede do voluminoso e polo tanto vistoso contrabando de tabaco ó máis concentrado e, polo tanto, rendible contrabando do hachís, da cocaína ou mesmo da mortífera heroína pola cal hoxe descansan no camposanto de San Verísimo algúns mozos -algún deles benquerido para min- da miña xeración.

E tráioo porque me resultou curioso saber que, malia ter soterrada nos seus bacelos unha longuísima historia que se remonta ó século XV e que o relaciona con apelidos ilustres da fidalguía galega, como os Soutomaior ou os Sarmiento de Ribadavia, e que incluso a principios do século XX serviu de refuxio para o destronado rei de Portugal, Manuel II, o seu coñecemento público máis alá das veigas arousás teña razón de ser nos menos de dez anos que estivo en posesión do referido e agora innomeable en calquera síntese histórica do edificio, Laureano Oubiña.

E é que xa se sabe... Fan moito máis polo espallamento dunha información cinco minutos de televisión ca ducias e ducias de tomos enciclopédicos almacenados nun andel calquera de calquera arquivo, biblioteca ou ordenador.

Te puede interesar