Opinión

Pensamento positivo

Leo dúas informacións no xornal de hoxe -onte, para vostede- que me fan pechar os ollos e abstraerme do balbordo preelectoral para reflexionar sobre o que esta provincia está facendo ben e sobre o que ten feito e continúa insistindo en facer rematadamente mal.

É certo que, a nada que un se deixe levar polo ruído de fondo dos agoreiros perpetuos -que os hai-, é moi posible que se nos introduza nos miolos un virus completamente maligno que nos roe por dentro e nos coloca nun estado colectivo raiano coa depresión, porque, xa se sabe, esta provincia morre por inacción, aquí só hai vellos catatónicos buscando -coma os lagartos- unha raiola de sol, co fin de resistir ós andazos do inverno e ás doenzas propias do tempo. Aquí non hai traballo, nin -como dicía o outro- ninguén o espera. A mocidade colle masivamente o camiño de ningures -e canto máis lonxe, mellor- e os reloxos ralentizan as súas agullas, coma quen desacelera os pasos da xente maior, transformando todo elo nun escenario no que nunca pasa nada, e cando pasa, no canto de atopalo nas primeiras páxinas do xornal ou velo na televisión, resulta que hai que lelo na sección de esquelas, que o espazo que pouco a pouco se ten convertido no noso noticieiro maior.

Eu tampouco son inmune a esta doenza e, se vostede segue con algunha cotidianidade estas columnas, terá comprobado que hai días nos que miro para o meu arredor e tamén me deixo arrastrar pola corrente, axudando a agrandar a negrura do túnel e a súa interminable dimensión, turrando tamén así por vostede, cal se fose un remuíño de sombras que o engule todo cara o fondallo escuro da inanición.

Leo que un traballo científico avala a posibilidade de que o manancial das Burgas pode servir para algo máis que para queimarlles os dedos ós incrédulos visitantes de café con leite e bocadillo, e que, por fin, a capital contará cun novidoso centro formación que deixe de sacar administrativos de libro diario e libro maior ou técnicos de automoción de funda, alicate e desparafusador. Leo isto e creo que son bos exemplos que nos poden amosar por onde debe saír o sol.

Sei que non é doado -con tan pouca vitamina coma a que levan encapsulada estas dúas novas- mudar de súpeto o noso estado xeral de decepción, porque teñen sido moitos os anos nos que as noticias negativas teñen minado a nosa liña de flotación como provincia inane e de interior.

Pero, se queremos sobrevivir, é certo que non nos queda outro remedio ca erguernos de novo e autoinocularnos revitalizantes ós que amarrarnos coma se agarra o náufrago ó flotador.

Felicitémonos, pois, porque novas así nos acompañen no almorzo con máis frecuencia e, posiblemente o pensamento positivo nos permita ollar cara o futuro con máis vigor.

Te puede interesar