Opinión

Pense en Nós!

Nantronte -non sei por que o dicionario de galego do ordenador me marca sempre como incorrecto este vocábulo- xunto cunha manchea de representantes de distintos colectivos do país tiven a oportunidade de participar nun acto, na Cidade da Cultura compostelá, certamente ilusionante para todos cantos nos demos cita alí, acudindo á chamada do conselleiro de Cultura.

O obxectivo, tal e como foi recollido pola prensa de hoxe -onte para vostede-, é aproveitar o centenario da Xeración Nós para planificar con tempo un xeira de actividades chamadas, non soamente a conmemorar a efeméride -porque os galegos somos moi de ir ó cemiterio-, senón para darlle unha repensada colectiva -en intelixente proposta de Carlos Aimerich-ó que ten acontecido nesta terra ó longo do último século e como de forte queremos cementar os alicerces para o futuro nestes intres de indefinida e ameazante encrucillada social nos que nos atopamos.

E todo elo, como digo, arredor da Xeración Nós (Valentín García non deixou lugar a dúbidas, lendo as primeiras palabras do manifesto fundacional de tal xeración), esa que ten principios -mal que lles pese a moitos- en Ourense e que logo se espallou a través de múltiples manifestacións culturais, sociais e mesmo económicas por todo o territorio galego.

Hoxe pola mañá, cando lle din un apurado repaso á prensa do día lin o seguinte titular nunha das cabeceiras dixitais, "La gallega Hotusa se va de Cataluña".

A lectura desta oración simple pero contundente provocou en min coma un resorte mental e coma tal se fose o cuco dun reloxo de parede marcando as doce do mediodía, asomou na miña idea o titular que sostén esta columna: Pense en nós!

Xa fose por que tiña recente o concepto, do acontecido no serán anterior, ou por que aquilo de hai cen anos non foi só un movemento romántico senón que tamén pensaron no futuro económico do país, o caso é que o mesmo provocoume escribir unha carta aberta con esa mensaxe implícita, a Amancio López Seijas, a quen non é a primeira vez que se me dá por lle escribir.

No primeiro caso fíxeno para felicitalo, cando me enterei de que dunha soa sentada montara unha estructura empresarial na súa terra natal de Chantada con 200 mozos e mozas traballando no medio do campo para o seu holding hoteleiro.

Agora fágoo para lanzarlle un reto, xa que decidiu mover a súa sede social dende Cataluña para Madrid, implorándolle que “pense en nós”, unha vez máis, porque sen dúbida é mellor coñecedor ca min das necesidades de transfusión que imperiosamente precisa unha Galicia que soamente poderá contabilizar como tal outros cen anos se, igual que fixeron noutrora no ámbito do pensamento os devanceiros, xentes coma este e o outro Amancio dan un pasiño máis no seu compromiso coa terra e transforman o noticiable en cotián, axudando a cicatrizar así a ferida por despoboamento que está deixando tísica a Galicia.

Te puede interesar