Opinión

Pintores no hospital

Nantronte fixo un mes que ando de aquí para alá polos pasillos e ascensores da vella residencia e do novo hospital e, do mesmo xeito que ando pola vida, procuro camiñar cos ollos ben abertos mirando para o chan co fin de non tropezar. E, cando a seguridade motora mo permite, de paso tamén procuro ollar para o que se move e non se move ó meu redor con diferente intensidade, en función do nivel de reclamo que esperte na miña atención visual. É dicir, nada especial que non faga vostede mesmo, por aquí e por acolá.

Esa técnica tan científica sérveme -sérvenos a todos- para interactuar co mundo que nos rodea e contemplar o bo e o malo da vida, que de todo ten que haber para podermos comparar e valorar despois o que nos fai ben e o que nos fai mal.

Déixome devalar por esta digresión paraintelectual porque no primeiro que reparei nos amplos espazos do novo edificio foi nesa sorte de silandeira convivencia na que se mimetizan vinte e cinco obras de Xaime Quessada (pai) e Xaime Quesada (fillo) cos centos de transeúntes que coma min visitan cada día as brancas paredes do relucente edificio.

Outro día chantarei esta columna na intrahistoria desa convivencia entre a alerta visual que supón a presenza permanente da obra pictórica, da magnífica obra pictórica de ámbolos dous artistas ourensáns e o silencio co que é, máis ignorada ca contemplada, e sobre o que seguramente sería quen de ensarillar unha longa e desestructurada, pero lúcida, teoría o propio Xaime Quessada pai.

Vaia por diante, sen máis, que eu aplaudo a iniciativa e, como beneficiario directo da posibilidade de contemplar a obra, transmito dende aquí o meu agradecemento á muller e a nai dos dous autores pola xenerosidade e a sensibilidade amosada coa cidade de Ourense, convertendo nunha sala de arte os vestíbulos do novo hospital.

Estes últimos días, sen embargo, os pasos téñenme levado con máis frecuencia polos corredores da vella residencia do Cristal e nun momento dado no que a fisioloxía reclamou en min un intre de intimidade, acabei nuns servizos, que máis ca servizos dun hospital semellaban vellos retretes dunha antiga parada nun afastado páramo calquera de estrada nacional.

Aquela porta podería, perfectamente, ser arrancada de alí e trasladala a ARCO para goce e contento dos amantes da provocación na postmodernidade e para deleite das redes cun novo escándalo nacional.

Entre o "lustre" intelectual das mensaxes pintadas, había esta: "Follé a la conductora de la ambulancia (...) de (...)". Así, con nome e poboación. Sen pestanexar.

Entón pensei, non tanto na fermosa obra de Quessada -do que me declaro fan-, senón no director do hospital, ó que felicito pola iniciativa artística, pero seguro estou de que o felicitaría moito máis a persoa alí citada se lle enviase a algún pintor -aínda que non fose tan bo coma Quessada- e lla mandase borrar.

Te puede interesar