Opinión

O poder da palabra dada

Como está tan recente e é tan evidente, que foi publicado o pasado sábado, permítame, benquerido lector, presumir un pouco por lle ter lido o pensamento dende a distancia a Núñez Feijóo e terme adiantado nos argumentos que o levaron a tomar a xa coñecida decisión de quedar en Galicia para, segundo pronunciou, rematar o compromiso adquirido hai dous anos coa súa poboación.

Déixeme, sen embargo, abrir un paréntese para dicir que a opinión publicada é un pouco inxusta con segundo quen sexa o que realice determinadas declaracións. Velaí:

O actual presidente do Goberno español pronunciou un sonado discurso cando presentou a moción de censura e con toda a pompa e xabón argumentou a devandita presentación na necesidade de mudar de presidente para convocar eleccións no tempo máis breve posible. Sen embargo, na entrevista que nantronte lle fixeron na televisión, sen inmutar un músculo, asegurou todo o contrario e non vin eu que lle caeran chuzos de punta por mentir con tal descaro na primeira comunicación pública que lle puxeron por diante.

Non ten acontecido, sen embargo, o mesmo co presidente da Xunta, que só con dicir que despois de analizar a situación tomou a decisión porque quería ver crecer ó seu fillo, xa lle serviría como argumento válido, todos os que non premeron unha tecla só para evidenciar a grave mentira de Sánchez, escribiron relatos curtos e guións televisivos policiacos sobre dosieres ocultos, presuntas malas compañías e fotos comprometidas, para, sen dicir nada, sementar cizaña sobre o centeo colleitado por Núñez Feijóo.

En fin...

Relatado o introito, continuarei agora coas impresións que fun recollendo a medida que fun escoitando ese tan deslabazado e non sei se intencionado discurso que pronunciou, no que por veces semellaba que subía pola escaleira e outras apuntaba que baixaba algún escalón para volvelo subir emocionado ó mellor estilo dos tópicos que nos definen en Madrid e que me imaxino que axudou a disparar en máis de un dos que estaban ó seu carón algunhas doses de adrenalina pouco recomendables para as súas emocións.

Eu, por máis que me chamen inocente, cándido ou iluso, quedeime cun fragmento no que apuntou que decidira quedar en Galicia por compromiso coa palabra dada cando o electorado galego se pronunciou.

E digo que me quedo con iso porque a nada que se teña seguido con un pouco de atención a traxectoria política e institucional do presidente da Xunta, non é difícil decatarse de que todo o prestixio político teno asentado no poder da palabra dada, un valor que non xoga á alza nos tempos que corren, pero que a el lle están xerando un crédito que é moi posible que lle renda fondos en futuras ocasións.

Te puede interesar