Opinión

Políticas sociais?


Acabo de ler, con bastante indignación por certo, unhas declaracións do líder de Cidadáns coas que volve poñer o punto de mira sobre o tramo que queda do AVE entre Zamora e Ourense. E non para darlle un impulso económico -se é que consigue gobernar- senón para xusto o contrario. É dicir, para, en aras dunha presumible ausencia de fondos económicos do Estado, decidir a súa paralización.

Dis que seica dixo o máximo responsable mediático dun partido político que xa na súa propia denominación fai unha elemental declaración de principios sobre para quen desexa aplicar as súas políticas de goberno -ou sexa, para os cidadáns-, que "vamos a conectar lo que ya tenemos, con los mínimos recursos posibles para destinar lo demás a innovación, educación y políticas sociales". E dixo ben, se é que el só quere gobernar para as xentes que habitan as cidades ou as grandes concentracións urbanas como poden ser Madrid ou Barcelona, e no caso de Galicia, as sete grandes cidades.

Se é así, pois, ¡hala!, que se animen e que decreten de contado unha sorte de marcha verde do século XXI ou un remedo de éxodo interestatal, e que nos envíen a vivir a todos os que moramos no medio dalgún bosque ourensán -poño por caso- á Valenzá.

E ¡viva la Pepa!, que xa dicían os das Cortes de Cádiz. E a Pepa quieta! que tan ben retrucou a voz popular.

E isto, que dá para moitas coñas mariñeiras ou de secano, se nos poñemos serios, dá certamente para reflexionar e para dicirlle ó señor Albert Rivera que pense un chisco denantes de se lanzar á piscina e mire se hai auga para non se esnafrar, como lle pasou no seu momento a Rosa Díez, que por unha "nimiedade" conceptual pechou as portas do Padornelo e non foi quen de abrilas xamais.

Vamos a ver... Se o señor Rivera quere mudar o investimento no AVE e arrombar polas abas do Macizo central ourensán, por exemplo, os milleiros de millóns de euros que xa están investidos para destinar o que queda "a innovación, educación e políticas sociais", que pare a pensar primeiro en qué son as políticas sociais. Ou é que pretende recluírnos, ós que vivimos no medio rural, nunha especie de reservas indio-galaicas -ou devolvernos ós castros- e pagarnos un salario social para que formemos parte humana da paisaxe, así, sen máis.

Ou é que a creación de emprego non é a mellor política social? Por exemplo co remate das obras do AVE e coas oportunidades económicas que se abren ó poñer o tramo completo -e todo canto iso significa- a funcionar.
 

Te puede interesar