Opinión

Un pope

A principios do mes de marzo de 2006 (vai xa para 9 anos) tiven oportunidade de viaxar a Grecia. Concretamente á cidade de Xanthi, unha localidade máis pequena ca Ourense, situada  na rexión de Tracia, ó norte do país, que separa o mar Exeo de Bulgaria e que fai fronteira con Turquía.

Loxicamente, a viaxe tamén me permitiu facer noite en Atenas e gozar do privilexio de subir á Acrópole, onde un sinte a grandeza da historia só con poñer un pé alí, e onde tiven a oportunidade de atopar un gaiteiro de rúa que me demostrou empiricamente o que xa está máis ca demostrado, é dicir, que o instrumento, coas súas variantes propias de cada lugar, está máis ca espallado por todolos recantos de Europa, e non só da Europa atlántica, senón tamén da mediterránea, como me amosou este caso puntual.

Pero volvamos a Xanthi, aquela pequena cidade norteña da Grecia continental. Volvamos a Xanthi e á anécdota que realmente quero contar.
Nos dous días que tiven ocasión de estar, como cae de caixón chamáronme a atención moitas cousas, pero, sobre todo chamoume a atención o "porte" fachendoso que amosaban ó camiñar os cregos ortodoxos, coa súa característica sotana negra e o non menos identificativo e singular "bonete" na cabeza.

Levaba eu, polo tanto, na retina da viaxe -e tamén nalgunha fotografía- aqueles firmes pasos ó camiñar dos popes ortodoxos cos que a casualidade me dera a oportunidade de me cruzar, cando a casualidade quixo que foramos testemuñas da razón de ser de tanto poderío exteriorizado nas formas e que loxicamente non representaba, senón, outra cousa có poder que a igrexa ortodoxa tiña sobre a sociedade grega e que a nós nos recordaba estampas doutrora, xa perdidas na memoria da nosa infancia.

Estabamos xa na cidade de Kabala, concretamente no seu aeroporto, no medio dunha longa cola agardando facturar a equipaxe para subir ó avión que nos trasladaría ata Atenas, cando un daqueles popes, de non máis de 40 anos, co seu maletín na man e a cabeza firma coma dunha cariátide, entrou pola porta da estancia e comezou a camiñar a carón de todos nós, ata que chegou á facturación, foi servido como merecía e marchou cara o avión sen que ninguén rechistara o máis mínimo.

Eu azanei con exteriorizar o malestar, pero alguén axeitadamente coñecedor dos costumes do lugar díxome que o deixara pasar, que alí era así por máis que a nós nos pareceran -como digo- cousas de cando "democracia" era unha palabra ben difícil de pronunciar.

Descoñezo se continúan co mesmo status, aínda que creo que algúns privilexios -polo menos económicos- esvaéronselles coas continuas treboadas que o país viu cruzar na última década. E case me atrevo a predicir máis. E máis que lle van  mudar...!

Te puede interesar