Opinión

O primeiro camiño portugués

Benquerido presidente:

Cando ti e máis eu non eramos sequera nin a milmillonésima parte da sombra dun espermatozoide -poñamos por caso, o ano 925 da nosa era-, un tipo chamado Rosendo Guterres, que nacera "a 5 leguas" (escribiron os cronistas da época) da cidade de Porto, ó pé do que hoxe é coñecido como concello de Santo Tirso, con tan so 18 anos de idade comezaba a exercer o oficio ecuménico de bispo de Iria Flavia, que, como ben sabes, foi o episcopado pretérito á construcción da catedral que lle daría acubillo á arca marmórea onde foron atopados os supostos restos do apóstolo.

Cumpríase daquela algo máis dun século da milagre da aparición da devandita arca no campo das estrelas situado no bosque de Libredón e aínda faltaban case outros dous para que o papa Calixto II lle concedese a Compostela o privilexio de celebrar os anos santos, que agora demos en chamarmos Xacobeos.

Pois ben, aquel tipo -un dos persoeiros máis importantes do século X "galaeco"- acabou erguendo unha fundación monacal situada -curiosa casualidade- a medio camiño entre o milagreiro campo das estrelas e o seu propio lugar de nacemento. Mosteiro, este, que ti tamén coñeces e que por mandato do seu fundador ten servido de hospedería e de lugar de acollida a "servos e libres, a nobres e plebeios de calquera lugar que proveñan" -segundo recolle o seu manifesto testamentario-, ó longo e largo de ben máis dun milenio, chegando a ser con diferencia un dos mosteiros máis poderosos da Galicia secular daquela época.

Mosteiro, ademais, que dende tempo inmemorial lle dá pousada tamén ós restos de Torcuato, un dos sete discípulos do apóstolo e que co propio Santiago cruzaron a península no transcurso da viaxe que en vida fixo el por estes horizontes de Fisterra.

Logo virían outros moitos sucedidos que xa non son de contar aquí, pero que en todo caso lembrei onte, cando vin os ecos informativos da túa visita ó presidente do país irmau e lin que entre os acordos que alcanzastes, está o reforzar a colaboración turística e cultural dos dous países para cando comece a alumear o amencer do próximo Xacobeo.

Velaí que che escribo esta nota introductoria, porque non me entra na cabeza que os teus proxectos presidenciais camiñen por vereas conceptuais tan lóxicas, coherentes e, polo tanto, tan plausibles e logo estas se vexan contravidas por accións ou inaccións dos departamentos que deberían saber pasaren á letra pequena os teus acordos de concepto.

Digo isto, porque no marco da estreita colaboración entre Galicia e Portugal co Xacobeo no horizonte, somos moitos os que non damos entendido como os responsables do Xacobeo non son quen de daren -e polo tanto, recoñecido-, o que, sen lugar a ningunha dúbida, pasa por ser o primeiro Camiño Portugués a Santiago. É dicir, o camiño agora chamado de San Rosendo.

Te puede interesar