Opinión

A propósito da ola de frío

Foxe, esta columna, de pretender criticar a ninguén e moito menos a aquelas persoas ou colectivos ós que implicitamente vou facer mención indirecta porque, no fondo son os que inspiran a reflexión que pretendo.

Perante o posible recrudecemento das inclemencias temporais dos próximos días, anuncian os informativos locais, autonómicos e nacionais que algunhas institucións locais que teñen cometidos para elo, colectivos de carácter social e mesmo voluntarios están preparándose para reforzar o servizo de atención a persoas que teñen o ceo aberto por tellado fogareño e o neboeiro nouturno -no caso concreto de Ourense- por cobertor, co fin de lles conseguir un espazo a todos eles no que poida cear quente e non durmir ó raso, onde en noites coma as que levamos padecido, corren un serio perigo vital.

Aplaudo, loxicamente, todo o esforzo que fan e felicítoos sinceramente porque, igual que acontece no tratamento hospitalario terminal, xa que non lles poden curar o mal, polo menos achéganlles uns tratamentos paliativos que os reconfortan.

Non teño moita experiencia eu, neste asunto concreto, e polo tanto non é o meu desexo teorizar sobre elo, aínda que me dá que, alén de que non sexa prato de gusto e, polo tanto, ninguén o faga por capricho ou porque lle pete, creo que no ámbito dos "sen teito" dáse unha moi diversa casuística que fai moi difícil resolver o problema en conxunto, xa que poden seren moitas as razóns polas que unha persoa acaba durmindo, no mellos dos casos, nun caixeiro automático, cando non cuberto por uns cantos cartóns de embalaxe nos accesos a algún establecemento comercial.

Feitas estas consideracións de base e sabido que as estatísticas falan de que por todo o país seica se reparten entre uns 30 e uns 40 mil homes e mulleres sen fogar, creo que se houbese vontade precisa para acabar co problema -aínda que é certo que o cero absoluto non existe nin sequera para isto-, as institucións deste Estado do benestar que nos temos fornecido, deberían teren recursos económicos e medios materiais, mobles e inmobles suficientes como para achegalo empiricamente a esa cifra. Penso, non sei...

Digo isto porque, se realmente salta a alarma cando as temperaturas se achegan ou baixan dos cero graos centígrados e se incrementan os medios para atendelos, por que non preocuparse tamén deles no resto dos días de invernía ou, elevando o argumento a un posicionamento de máximos, preocupármonos polo seu estado durante todo o ano. Non si?

Si, xa sei que, como ben di a Biblia -creo-, non é o mesmo predicar que dar trigo e esta de columnista é unha posición moito máis cómoda cá de andalos a procurar pola rúa para que vaian cear e durmir ó centro de atención correspondente. Pero é a que teño, e se con ela provoco algunha reflexión, darei por cumprido o meu obxectivo.

Te puede interesar