Opinión

O pulpo e o "E"

Di Argimiro Marnotes que "está decepcionado" cos argumentos que lle ofreceu a Real Academia Galega para rexeitar a inclusión da palabra "pulpo" no diccionario oficial da nosa lingua e lamenta que o argumentario redactado polo Instituto de Estudos Carballiñeses no sentido da defensa da palabra que utiliza unha inmensa maioría de galego-falantes que se colocan calquera día do ano perante unha "pulpeira". E máis aínda, que nin sequera merecesen un só comentario de retruque no comunicado que hai dúas semanas fixo público a RAG a través da súa páxina web.

Dada a súa brevidade e porque non fun quen de lelo naqueles días, malia que esta non é unha columna informativa voume permitir publicalo, consciente de que por tras deses 4 puntos existe un expediente seguramente completo e argumentado que avala as oito liñas que de seguido reproduzo.

Indica a RAG que "se ratifica na escolla de polbo como forma normativa recomendable", en base as seguintes razóns:

" 1. Non hai ningunha dúbida de que polbo é voz patrimonial galega, que está documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual.

2. A palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial.

3. Un dos criterios establecidos para a escolla entre formas léxicas para a variante normativa do galego é que 'entre dúas voces ou variantes concorrentes, unha das cales é indubidablemente galega e diferencial e a outra dubidosa, escóllese a primeira'.

4. A palabra polbo, diferencial e galega, e consolidada actualmente no uso escrito, presenta continuidade cara ao sur no portugués polvo."

Velaí que, ó fío desta breve reflexión dos encargados de "recoller, depurar e innovar" o noso idioma, ocórreseme a min que se cadra o alcalde do Carballiño ten razón e o asunto merecería algo máis dun telegrama co que -supoño- os académicos acordaron zanxar a cuestión sen meterse en profundidades sociolóxicas, xa que logo, se só fosen tidas en conta cuestións patrimoniais, ningunha palabra procedente doutro idioma tería cabida no diccionario galego, cousa que loxicamente si acontece, e cada vez con máis frecuencia.

Ora ben, unha vez asumido o telegrama, gustaríame, dende aquí, facerlle unha proposta á Real Academia Galega e dun xeito especial ó seu presidente, como mentor dun manifesto que hai uns cantos anos promoveu Xosé González -e asinamos 170 persoas- a prol da utilización do "e" como conxunción copulativa, e poña o mesmo énfase, tanto no intento de corrección desa deturpación lingüística tan horrorosa como é o “i”, como no de turrarlle polas orellas a toda a clase política -¡toda!- para que fagan uso exemplar dun idioma que impunemente escarallan cada día.

Te puede interesar