Opinión

Quen decretou iso?

Levo unha tempada -é unha licencia literaria- consultando a hemeroteca de tódolos boletíns oficiais, dende a antiga "Gaceta de Madrid" ata o último número do boletín oficial da provincia de Ourense, co fin de comprobar se se me escapou algunha publicación na que fose publicado algún tipo de resolución que non teña visto, e por máis que os miro e remiro, que os ollo e refollo, non dou dado co decreto.

É posible que vostede, se cadra o cazara ó voo cando saíu e, de ter sido así, agradeceríalle que mo fixese chegar por algún medio. Hoxe, a través da rede, é moi doado dar comigo. E, senón, sempre lle queda o recurso de preguntar en Celanova, que malo será que a quen lle pregunte, non me coñeza.

Por certo, aínda non dixen o motivo da miña esculca. Pero voullo describir de contado.

Ando á procura de dar co texto normativo no que algún alto mando da política institucional ou representativa española -ou, no seu caso, o propio Congreso dos Deputados, coa pertinente sanción do monarca- decretasen a partir de cando se considera que naceu a nova política e cales son os considerandos ou os argumentos que a diferencian, da política vella.

Escribo isto ó fío das declaracións -das crúas declaracións- realizadas nantronte polo ata o de agora representante do partido de Cidadáns en Ourense, contra o tamén ourensán, representante da mesma formación política en Galicia. E todo elo, en relación coa sonada fichaxe do ata hai uns días superconcelleiro na Praza Maior de Ourense e agora renovado candidato sen carteira, José Araújo, a quen tiven oportunidade de saudar hai uns días -tamén é casualidade- nas traseiras da Casa do Concello ourensá e felicitalo -sinceramente- pola súa valentía, cando aínda só eran rumores (para xente inocente coma min), os que o colocaban xa noutra formación política.

Non pretende, esta columna, poñer en solfa, nin o paso dado por el agora, nin a reacción do responsable "cidadán" en Ourense, nin tampouco a do seu "superior" en Galicia. Pois, todo elo son cousas de partido que, coma as cousas da familia, deben ser solucionadas dentro do ámbito familiar, aínda que de cando en vez se escoite algún portazo na sala.

Di, o dimitido coordinador ourensán do partido, que coa fichaxe de José Araújo, volve a súa formación á vella política. E isto fíxome deseñar a min un xogo de diferencias, semellante ós que nas últimas páxinas do xornal o poden entreter un pouco.

Púxenme, entón, a tentar visualizalo e, igual có devandito decreto, non son quen de encontrar por ningures as diferencias. E iso é, simplemente porque, por máis que evolucionemos. Por máis que o invento da roda nos quede moi lonxe e mesmo a creación da democracia, no fondo todo está suxeito á condición humana. E a condición humana, queirámolo ou non, continúa sendo a mesma.

Te puede interesar