Opinión

Quen garante os nosos dereitos?

O día 3 de febreiro -van alá os tres meses cumpridos- foi, do tempo que levo vivido, o día máis acedo da miña existencia.

Logo de corenta interminables xornadas, coas súas longas noites de pedra engadidas, algo menos da metade nesa especie de "milla branca" na que ninguén quere estar, como é a "unidade de paliativos", cando aquela tarde de sábado invernal comezaba a devalar cara outra noite de compaña silandeira, o corpo de meu pai non puido máis e deixouse levar definitivamente por aquel "avesporeiro" que, segundo el mesmo dicía, lle entrara no corpo e carcomíallo por dentro.

Un grave problema linfático debruzouno naqueles dous meses como nada o tiña debruzado ó longo da súa vida de camiñante "polos atallos de Galicia".

A incerteza e o desacougo pola evolución da enfermidade á que se enfrontara, do mesmo xeito que o río devala de súpeto en gravidade pola fervenza, desataron un baleiro interior, enchido -tamén é certo- naqueles primeiros días, polos afectos compartidos da tribo.

Logo sucedéronse o silencio e as ausencias repentinas, xunto cunha serie de tramitacións de carácter administrativo ás que por fortuna nunca un se tivera que enfrontar, por máis que sabía que serían singularmente engorrosas.

Pepeleos tramitados, nuns casos pola empresa funeraria e noutros por un mesmo, pero que pasaban en todo caso por contar cun especialmente necesario. Aquel que certificaba administrativamente o que a vida me tiña presentado con tan dolorosa crueldade, en vivo e en directo. É dicir, un certificado de defunción.

Entón foi cando me atopei con outra realidade diferente. O responsable da empresa, que é quen normalmente realiza esa tramitación tan sinxela como inmediata, informoume do que eu tan so vira en titulares na prensa: Velaí, que o funcionariado de xustiza acababa de iniciar unha folga e que, nin el puidera conseguilo, nin me garantía que eu fose quen de facelo nos seguintes días.

Optei, entón, pola vía telemática, e logo de esperar  algo máis de dúas semanas a que se solucionase o conflicto, presentei unha solicitude formal o día 21, pregando porque caese nunhas mans máis ou menos sensibles co transo vital que supón a necesidade de tal documento e nolo remitise con certa dilixencia.

Polas datas que manexo, verá que logo de tanto tempo aínda seguimos a agardar por un documento que debe precisar algo así como cinco minutos de traballo funcionarial. Ou, se cadra, nin iso.

É evidente que non lle vou negar eu a ninguén os seus dereitos laborais. Ora ben, quen garante os nosos e os de tantas outras familias que, coma min, tiveron perdas tan próximas nestes tres últimos meses? Que dereitos están por diante en prevalencia? Os de quen, polo seu interese persoal, é consciente de que está furtándolle dereitos a terceiros? Ou os deses terceiros que asistimos impotentes ás súas performances mentres cubrimos silandeiros os formularios da declaración da renta para pagarlles cristianamente o seu soldo?

Te puede interesar