Opinión

Quen non tivo un apretón?

Non o vou negar. A min tenme pasado máis dunha vez. E supoño que calquera -sexa home ou muller- que poida estar lendo isto, mentiría se dixese que se ten salvado dunha apurada.

No fachada principal do mosteiro da miña vila existen unhas barras frontais que levan aí toda a vida -é de supoñer que o mesmo tempo cá fachada- e que tiñan e seguen tendo como función, entre outras, a de evitar que os recantos arquitectónicos que ideou o mentor do edificio se transformen nun foco de inmundicia e cheiro acedo porque animais e persoas -que a veces somos peores cós animais- aliviemos as nosas necesidades fisiolóxicas en calquera ángulo pétreo.

Ven isto a conto dunha fotografía certamente explícita que vin neste mesmo xornal hai dous ou tres días e que debeu facer un veciño do casco vello farto de aguantar escenas semellantes ó longo dos últimos tres anos, na que dous mozos -cada un a cada un seu lado do portal da súa casa, coma se fosen os leóns do Congreso, pero mirando para a parede- se dedicaban a sulfatar a fachada do veciño, é de supoñer, pola luz marela da imaxe, que entrada ben a noite.

Eu mesmo, hai xa uns anos, sentín a responsabilidade sobrevida de lle ter afectado á próstata dun señor maior dos que camiñan a cotío polo claustro barroco do mosteiro e que nun momento dado se colocou de contra un dos muros laterais de acceso e fixo o mesmo que fixeron, cando foron cazados polo veciño, os dous mozos da foto.

E digo que sentín unha certa responsabilidade sobrevida porque o home levou un susto cando dende a distancia lle exhortei se cría que aquel era lugar para tal deposición líquida, ó que el me contestou que o sentía, pero non daba aguantado a presión.

Non vou desculpar eu ó pobre mexador porque -agora xa non- pero daquela aínda tiña pai e avó e era consciente de que aquel podería ser, en calquera outra ocasión, un deles, pois xa se sabe que cando o corpo apreta non son moitas as opcións que ós humanos nos quedan cando asoma o ser irracional que tamén levamos no noso interior.

Ora ben, para estoutros, que aínda teñen a billa reguladora do canal en estado de revista e que chegan a ese estado de apretón por enchenta e por desidia, debería a administración contar con ordenanzas absolutamente disuasivas, no mesmo rango sancionador cás do código de circulación.

Si. Xa sei que aquí os infractores non poñen en perigo vidas. Sei que no ámbito da xustiza non é o mesmo pegarlle un pau nas costas a alguén ca roubar unha pita. Pero, non me dirá que, de seren públicas e notorias as sancións, o que o fai sabería perfectamente ó que se arrisca. E canto esforzo económico leva feito a administración e compromiso os administrados que decidiron repoboar o casco vello, como para que agora uns porcos sen cachucha convertan unha das zonas máis fermosas da cidade –como ben di o denunciante- no váter de Ourense.

Te puede interesar