Opinión

A reconquista e as barricadas

Non é que teña moito que ver a tan fermosa como diversa terra andaluza cos contidos que adoita soster esta columna, pero dado que hoxe é do que fala media España e a outra media España lle retruca, vaia pois unha pequena licencia de "foreign office", sen que serva de precedente.

Como adoito facer cada vez que se celebra unha xornada electoral, unha vez comezan a saír os contendentes para realizaren as súas valoracións da xornada e comprobar como falan sobre que tal lles foi na feira, acostumo a reparar moito máis (consciente de que non son o único) na linguaxe xestual do orador e de todos cantos por detrás del lle fan o abanico, ca nas propias declaracións que o voceiro pronuncia, a non ser que trate de interpretar con código de decodificación que é o que tratan de diciren entre liñas.

Nantronte pola noite, e que me desculpen se algún deles se dá por ofendido (que non o creo, porque me dá que non lles vai chegar tan alá esta columna), non fun quen de ver a ningún dos representantes das cinco formacións en liza -digámolo así- autentes, pois o que non mexou por fóra cara a dereita, mexou cara a esquerda e o que non o fixo cara ningunha beira, pouco lle faltou para mollar ós cámaras que cubrían as roldas de prensa.

Encargouse, a "lideresa" a piques de ser derrubada, de repetir ata case emborracharse que ela fora a que gañara as eleccións, como implorando que a deixasen gobernar outros catro anos, o que nos levaba a todos cantos temos memoria a ver pasar por diante dos nosos ollos infinidade de ocasións nos que o líderes do PP imploraban o mesmo mentres os seus contrincantes do PSOE facían chanza das palabras baleiras dos gañadores-perdedores e se dispuñan a deseñaren eles mesmos os gobernos.

Encargouse, o lider do PP que pode ser presidente, de afirmar, sen que ningún colorete iluminase a pantalla, que o resultado que acababan de conseguir fora un resultado "histórico", cando acababan de perder 14 deputados e case dividir á metade os resultados acadados oito anos atrás por outro candidato do seu partidos.

Encargouse, o lider de Ciudadanos, de deixar voar a imaxinación e verse pendurado da Giralda como presidente electo da nova Andalucía.

E encargouse, o lider da nova formación "rojigualda", de declarar o principio da reconquista, coma se fose un Don Pelaio do século XXI, tamén sen que lle caese a máis mínima pinga de vergoña.

Pero, o que, de todos, máis me "impactou" no sentido foi o líder nacional de Podemos, ó que non lle caeu nin un só pelo da coleta cando convocou ós seus ás barricadas, porque, segundo o seu credo, a democracia é democracia só cando os resultados son acaídos. E cando non, pois "a democracia somos nós e ó resto que vos dean polo cesto”. Un crack, sen ningunha dúbida.

Te puede interesar