Opinión

Relacións persoais

Que os tempos que tocan arredor da xestión das administracións públicas -sobre todo as locais, e máis no contexto de lugares eminentemente rurais como é o noso da provincia de Ourense- están a dedicar todo o tempo e todo o pensamento que non lle dedicaron nunca ó complicado asunto de cómo financiar proxectos, é algo que non precisa ter que botar man de ningún "business man" para saber que é tan certo como que o sol volverá asomar polo Padornelo a primeira hora de mañá.

"Fulanito, en dúas semanas necesito ter unha memoria valorada sobre o proxecto tal, que me recibe o conselleiro -ou, no seu caso, o director xeral- e teño a corazonada de que nolo vai financiar sen ter que irllo pedir ó presidente provincial". Esta foi unha conversa que se repetiu durante moitos anos en moitas casas consistoriais, entre alcaldes -ou alcaldesas- e técnicos internos ou externos, xa fosen arquitectos, enxeñeiros ou meros consultores, que son máis "guais".

E isto era así porque dende que o mundo é mundo para a administración pública democrática deste país, os proxectos -grandes ou pequenos- só contaban cunha soa vía pola que percorrer os seus traxectos vitais. Unha escada vertical onde o de menor rango -é dicir, o representante da institución municipal- chegaba a Santiago con algo de ansiedade e as mans abertas, e o conselleiro ou director xeral recibíao na porta do despacho con pretendida e campechana cercanía, facendo uso dun automático recurso paternal ó estilo de: "A ver home! Que emprebenda me traes hoxe?"

Pero, como tamén é ben sabido, isto xa hai tempo que tocou a funeral, dende que -nese mesmo sentido vertical, pero de enriba para abaixo- os do alto perderon o pudor de dicirlle non a "todo quisque"e como consecuencia diso os pasillos da rúa do Progreso, de San Caetano e de tantos e tantos despachos espallados por San Lázaro e outros barrios composteláns se viron "desinfectados" de alcaldes-mendicantes sentados a carón de calquera secretaria á espera dun "si" -como dixen antes, paternal- co que poder saciar a sede inversora dos seus reivindicativos parroquiáns.

Agora hai que remexer os miolos incluso máis alá do que poden dar, e buscar fondos debaixo das pedras, porque nos despachos queda claro que xa non os hai.

Eu, onte, tiven oportunidade de escoitar unha conferencia dun xestor cultural norteamericano que impartía unha lección sobre cómo se financian dende sempre os grandes e pequenos proxectos culturais nos Estados Unidos ("cultivation", chámanlle eles) e -contando en primeira persoa, dun xeito moi ameno, a súa propia experiencia persoal- acabou resumindo que "as relacións persoais son o núcleo da financiación da cultura de hoxe nos Estados Unidos".

Te puede interesar