Opinión

Os responsables da dinamita

Aínda que coñezo o caso dende os primeiros intres nos que saltou ós medios de comunicación, porque durante un tempo fíxenlle seguimento informativo, non menos certo é que na súa última fase, cando o derrubo comezou a ser inexorable, perdín o fío da intrahistoria e mentres naquela primeira etapa era eu quen informaba, todo o que fun coñecendo nos seus pasos derradeiros foi, precisamente, a través desta cabeceira.

Este afastamento da letra pequena da sentencia e dos conseguintes requirimentos de execución do derrubo, non me resulta óbice, sen embargo, para ensarillar unha reflexión que nalgún intre deberá acometer o lexislador, por máis que ata o de agora lle teña sido máis acaído permitir que a corda fenda pola parte frouxa do sedeño.

Supoño que se vostede está un pouco ó cabo da actualidade cotiá desta provincia, xa se terá decatado de que me estou a referir ó caso do xuízo polo que acaba de transitar o alcalde da Merca, por levar a cabo "manobras dilatorias" -segundo o fiscal- no proceso de derrubo dunha vivenda dentro do seu termo municipal, debido, fundamentalmente, á ocupación dunha porción de terreo allea no levantamento da súa planta, cando esta foi construída.

A reflexión, polo tanto, que eu quero traer a colación, con tal motivo, non é outra cá de preguntarme se determinadas accións executivas no control urbanístico  deben ou non deben ser competencia dos concellos e, polo tanto, dos seus máximos responsables executores, os alcaldes.

E para razoala imos comezar polo principio. Debido a que existe unha lei xeral do solo -como por outra banda non podía ser menos-, por máis que un concello teña aprobado un plan xeral de ordenamento urbano non pode permitir que nos seus predios se faga o que a corporación e os seus veciños queiran, senón que todo canto aconteza en calquera proceso constructivo, xa sexa unha vivenda unifamiliar ou unha unidade de execución completa, debe recibir os informes e beneplácitos dos departamentos urbanísticos da administración autonómica. De aí que se teña creado, para tal causa, unha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística co obxecto de "velar pola utilización racional do solo conforme ó disposto na normativa reguladora de urbanismo..." e que ten entre outros fins, os "da inspección e vixía urbanística, así como a acción de reposición da legalidade urbanística" en moi diversos supostos.

Por iso me pregunto: Realmente, ten algún sentido colocar sobre as costas dos alcaldes a responsabilidade de poñerlle dinamita ó edificio dun veciño ó que logo lle vai ter que ir pedir o voto?

Sobre todo, cando, ademais, dende o mesmo inicio do proceso dunha licencia non son, senón, meros transmisores cara outras instancias superiores, do expediente administrativo.

Te puede interesar