Opinión

Rezando un rosario

Baixo un mesto manto de fume, que non me permite ver o horizonte de Monte Calvo dende o balcón dos Quintairos de Amoroce e que fai que a noite sexa máis pronto de noite, séntome a escribir suxestionado aínda polo efecto desolador co que me encontro ó baixar do avión en Oporto e que se mantén por toda a estrada do Lindoso ata chegar a Celanova. Efecto que me devolve a unha realidade fulminada por un novo apocalipse luminario e mortífero coma o que durante a xornada de nantronte, domingo, asolou literalmente e sementou de morte o centro de Portugal e boa parte dos catro puntos cardinais de Galicia.

Séntome a escribir e por máis que desexo contar algunha anécdota do vivido nunha fin de semana na que Ourense foi protagonista principal no corazón da cristiandade romana, non mo permite esa realidade que o domingo contemplamos preocupados dende a distancia e que onte mesmo, ó cruzar as nubes denantes de aterrar en Matosinhos, incluso se nos anunciou -o iso cremos sentir- en forma de cheiro a fume no interior do avión presurizado.

Hai unha Galicia -e un Portugal- que piden a berros unha transformación radical da xestión do monte (da xestión do medio rural, deberiamos dicir para sermos máis atinados) e que con máis forza ha de berrar aínda para que se enteren en Santiago, en Madrid e sobre todo en Bruxelas e recoñezan dunha p. vez que resulta urxente e vital comezar a rectificar dende unha perspectiva global -non con pequenos parches por aquí e por acolá- os erros cometidos nos anos 80 cando nos obrigaron a trocar as pequenas explotacións agrarias e gandeiras (de carne e leiteiras) de carácter eminentemente familiar, por estradas, autoestradas, parques naturais, xubilados e un turismo rural que nos había traer visitantes a mans cheas e nos ía permitir vivir nun paraíso.

O que non nos contaron e loxicamente -tamén debemos facer autocrítica- nós non soubemos ver, é que aquela Galicia paradisíaca que nos describiron tan ben e nos axudaron a financiar -con ben pouco éxito, ós resultados me remito- con sacos de arrobas de euros, ía acabar dexenerando nisto.

Mentres cruzaba as terras de Lobios -recentemente tamén chamuscadas- escoitei na radio ó presidente da Xunta dar a entender que cando menos unha parte da solución chegaría cando os alcaldes comezasen a obrigar ós propietarios das masas ermas a facer as limpezas cando lles toca e na fronte chantóuseme un carimbo cun neón que puña “¡¡¡erro, erro!!!, chegando á conclusión de que seguimos sen ter á man a solución cando, sei que é cara e leva tempo, pero está diante dos nosos -dos del, estou ben seguro, tamén- ollos: Isto é -el sábeo moito mellor ca min-, que non haberá solución para o montes galegos e canto non xere economía. E todo o demais -veño do Vaticano- é como pretender salvar o mundo rezando, axeonllado, un rosario.

Te puede interesar