Opinión

Por riba dos outeiros

Acabo de repasar algunhas columnas escritas alá polos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2012 -é dicir, xa pasa dos tres anos-, nas que, ó fío do debate aberto sobre a fusión de municipios, me posicionaba con claridade meridiana a favor.

Pasaron os meses e aquel efecto dominó que seica ía provocar a unión dos concellos coruñeses de Oza e Cesuras fallou mesmo na primeira ficha, o cal non me ten feito mudar, nin moito menos, de opinión, senón que incluso me ten levado a cuantificar dun xeito aproximado o número resultante -máis ou menos polo medio cento-, tomando como referencia a reordenación territorial deseñada no vello Plan de Desenvolvemento Comarcal co que Fraga Iribarne aterrou en Galicia, da man do xeógrafo Precedo Ledo.

"O que ocorre -escribía eu 22 de marzo dese ano- é que dende que empecei a reflexionar sobre este asunto e incluso a propoñer que as actuais demarcacións deseñadas polo Plan de Desenvolvemento Comarcal de Fraga Iribarne e Precedo Ledo -cos lóxicos axustes nas zonas de concentración urbana- pasasen a ser os novos termos municipais, suprimindo así as ineficaces -por voluntarias- mancomunidades que aínda quedan en pé, eu sempre considerei que estas fusións -ou macro fusións- tiñan que levar un importante paquete de medidas complementarias que axuden, non só ó asentamento da poboación no medio rural, senón incluso á súa repoboación, tal e como aconteceu noutras zonas da península na longa e conflictiva Idade Media".

Onte lin unha información do Foro Económico de Galicia na que dous profesores universitarios con poderosa presenza nos partidos maioritarios (a saber, Pedro Puy -deputado do PP- e Xaquín Fernández Leiciaga -exdeputado do PSOE-) avogan precisamente polo mesmo, chegando a cifrar o segundo nuns 50 o número resultante da hipotética reordenación municipal.

Así mesmo, procedente tamén do mesmo Foro, que dirixe o economista Santiago Lago, o doutor en Economía Xaquín Álvarez Corbacho afina aínda máis o lapis e sinala en 57 o número ideal de municipios reais.

O mapa municipal -mal que lles pese a moitos- encamíñase, pois, cara unha encrucillada que non vai ter volta atrás a partir do próximo 24 de maio, por máis que haxa moitos alcaldes que non compartan comigo esta análise transcendental. Unha análise que, sen embargo, polo que se ve si comparten aqueles que nos partidos políticos teñen a misión de alzar a vista por riba dos outeiros e ollar un pouco máis alá.

Te puede interesar