Opinión

O rosal e a rosa

Despois dunha semana, case, de prudente celebración da súa victoria electoral, cunha soa licencia de alcance público -non sei se recomendada polos seus asesores de imaxe ou por mera superación persoal dos seus inconfesables medos-, como foi a aparición contra prognóstico nun programa de humor da Televisión Galega, acabo de ler que o presidente da Xunta (en funcións) anda a pechar as contas da lexislatura 2012-2016, que por fortuna xa é historia. E deus vaia con ela!

Que ande a pechar as contas é boa cousa e que nos informe de cómo quedan, tamén, pois como reza o vello dito popular: "Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale!"

E, como o reconto non é xa tanto cousa del, senón cousa dos programas informáticos de contabilidade, dos xefes de área e de servizo, dos tesoureiros e dos interventores do entramado contable e administrativo da Xunta, é de supoñer que agora, ademais de para descansar un chisco -que supoño que o corpo xa llo empeza a pedir-, terá substituído as horas de preparación de discursos e de viaxes de aquí para alá polos catro puntos cardinais da nosa terra, por horas de reflexión, análise e consulta para fabricar a ferramenta de xestión coa que pretende levar a cabo o contrato -como el dixo- que acaba de renovar co seu pobo.

É dicir, imaxínoo eu cunha libretiña coa lapela azul e branca (máis bonita, polo tanto, cá de Aznar) fedellando garabatos, debuxando esquemas e tomando notas co fin de deseñar a estructura do goberno que vai presidir, sen solución de continuidade -tal como el mesmo dixo e non temos por qué non crelo- ata o próximo 2020, cando, ademais, remata tamén o Plan Estratéxico que calquera pode consultar no portal web da Xunta.

Pois ben, por máis que sexa consciente de que definir o organigrama gobernamental é oficio del e dos que xantan con el á mesa, turrando do fío dun intre de levidade que tivo no devandito programa cando o presentador lle pregunto polo IVE cultural e recoñeceu que o asunto merecía unha pensada, xa que un dos cinco eixes estructurais que sosteñen todo ese Plan Estratéxico é o que aborda a "sociedade dixital, cultura e reforzo do peso de Galicia no seu entorno", eu voume permitir a licencia de darlle un consello. Ou, mellor dito, de facerlle unha humilde suxerencia.

Demostrado como quedou -e tantas veces ten quedado patente noutros moitos gobernos- que educación é unha cousa e cultura outra ben diferente, como unha cousa é o rosal e outra a rosa -non sei cómo me veu á mente- por máis que se alimenten da mesma raíz e xurdan da mesma semente; eu creo que xa vai tocando que Galicia teña unha Consellería de Cultura de seu. Non concorda comigo, señor presidente?

Te puede interesar