Opinión

Se Rosendo Gutierres levantara a cabesa...

Sei que falo de imposibles, pero pode crerme se lle digo que o suposto véuseme á cabeza cando lin a información sobre a futura apertura dun centro de atencións ós maiores en Lobios, completada cun despece no que se informaba tamén de que pronto a Fundación San Rosendo chegará a contar no seu cadro laboral con dous milleiros de traballadores.

Non sei por que, pero ó ler iso e por máis que a súa presenza no proxecto non sexa máis ca simbólica emprestándolle o nome á devandita fundación, déuseme a min por cavilar en, se por un casual parametafísico se lle dera ó milenario santo por volver de novo ó mundo dos vivos, que pensaría ó ter coñecemento de que un proxecto socio-empresarial co seu nome estivese a piques de contar con nada máis e nada menos ca dous mil traballadores, facendo pequeno, se cabe, aquela obra que el mandara construír para o seu retiro nas vellas terras de Vilar e ás que el mesmo, en connivencia co seu irmau Froila, lle puxo o nome de Cela Nova.

Para aquel que non o saiba -pois non todo o mundo está obrigado a coñecelo- direille que Rosendo Guterres Eiriz -que así se chamaba en vida- foi bispo de Iria e Mondoñedo cando devalaba cara o seu final o primeiro milenio, logo de ter sido tamén, uns din virrei e outros gobernador, do reino galego e, con todo elo, un dos persoeiros máis importantes da historia de Galicia previa ó xurdimento no mito do apóstolo e non sen antes promover unha boa xeira de fundacións monacais e mesmo despois de crear a súa principal fundación na miña Celanova natal, fundación cenobítico que logo incrementaron de forma exponencial os seus sucesores á fronte do seu mosteiro, ata o punto de que chegou a competir en riqueza e propiedades co propio bispado de Ourense, con señores feudais de aquí e de acolá e incluso con algún rei dos arredores, razón pola cal o abade do mosteiro de Celanova ostentou durante moito tempo os títulos de conde de Sande, marqués de Bande e capelán do Rei, e polo cal tiña asento propio no edificio central da comunidade bieita nacional, no mosteiro de San Benito de Valladolid, onde aínda hoxe se conserva tal escano, no fermoso e valiosísimo Museo Nacional de Escultura.

Moito poder, é certo (mesmo a illa de Toralla e unha das illas Cíes pertenceron a Celanova), pero do que Rosendo Guterres loxicamente non foi consciente, xa que logo, todo iso aconteceu cando el xa fora elevado ós altares eclesiásticos.

Velaí, polo que se me deu a min por pensar niso. Porque, sen ser o mesmo e alén de calquera outra consideración, Ourense ten moito que lle agradecer á Fundación que leva o seu nome, razón pola cal os celanovenses temos dobre motivo polos que nos sentirmos orgullosos.

Te puede interesar