Opinión

Rubias en Cantabria

Se vostede tivo a ben ler esta columna o pasado martes, saberá que nestes últimos días andei por Cantabria, esa pequena comunidade uniprovincial da que hai ben tempo que me declaro un firme namorado porque de seu é un pequeno continente que alberga unha variedade tal de escenarios marítimos ou montañeses, urbanos ou rurais que certamente provocan algo máis ca envexa e certifican ese atinado lema turístico que a identifica e que di, "Cantabria infinita".

Pois ben, se esoutro día traía a colación unha anécdota que ligaba ó actualizado Padre Feijóo cunha lenda que garda moi viva na memoria a poboación de Liérganes e que espertou a miña curiosidade, permítame, benquerido lector, que hoxe traia unha reflexión que vai máis alá dos verdes e coidados campos que conforman a orografía montañesa e que neste caso mesmo provocou un cabreo xeitoso nos meus adentros afianzados por senllas torgueiras de tratantes de vacas noutro tempo.

Chegados a unha aldeíña situada ben preto da industrializada Torrelavega, coñecida como Barcenaciones (mellor pobo de Cantabria no 2012), reparei no que non tiña reparado nas últimas viaxes (a última a finais do pasado mes de xullo). Isto é, na raza de gando que agora pace os verdes eidos cántabros.

De súpeto na entrada da aldea vexo un rabaño dunhas 12 ou 15 vacas configurando unha estampa completamente imposible (salvando moi raras excepcións coma a da explotación gandeira da Chaira) nas Terras de Celanova e noutras moitas comarcas da nosa provincia e fitando polo rabiño do ollo para non perder o fío da estrada exclamo: "¡Pero, se aí hai polo menos media ducia de barrosas!"

A partir dese momento unha boa parte da miña viaxe por lugares xa pisados noutras moitas ocasións converteuse nunha viaxe temático-vacuna fixándome máis nos campos ca nos monumentos e corroborando, para a miña sorpresa, que a maioría das explotacións estaban poboadas por vacas da raza "rubia galega" (rubias de Cantabria, haberá que dicir agora) , esa da que tan orgullosos nos sentimos os galegos e que, como dixen denantes, son auténticos fantasmas ó longo e largo da Galicia verdescente no tocante á provincia de Ourense.

Unha conversa casual co director da Feira de Torrelavega confirmoume o que os meus ollos acababan de comprobar neses días empiricamente. É dicir, que moitas explotacións gandeiras noutrora de leite levaban algúns anos reciclándose para gando de carne.

Te puede interesar