Opinión

Sapoconcho

Non é que sexa eu moi seguidor dese programa de descubrimento de novos talentos musicais e triturador ó mesmo tempo de tantas e tanta fundadas e infundadas ilusións, pero nantronte pola noite seguino, primeiro porque era o canal que estaba posto na televisión e logo porque seica había dous concursantes galegos -ou galego-ourensáns- que se atopaban no fío da navalla, cousa que, polo tanto, reclamou a miña atención.

Un deles era coñecido polo seu apelido -non moi ourensán, por certo-, Cepeda, e tiña pinta de ser un pouco tímido ou inhibido en exceso para o extrovertido e transparente mundo no que se acababa de meter.

O outro ten nome galego de certo -Roi- e aínda que seica é compostelano, tanto por vía paterna como por vía materna os seus xens proceden de Ourense.

Neste caso, polo que vin nantronte, o mozo conta con rexistros suficientes para sentirse cómodo no áxil mundo da interpretación, aínda que no ámbito musical non lle vin eu moita máis dilixencia có anterior. Pero é certo que eu, nin son profesor, nin xurado, nin sequera seareiro ou seguidor, polo que tampouco a miña opinión é -digamos- maiestática.

No que si reparei, sen embargo, foi en dous detalles -mellor dito, en tres- que, como adoito apuntar a cotío, leváronme a coller a parte polo todo e fixéronme reflexionar sobre outras tantas cousas ben máis xenéricas ca un mero programa de televisión.

A primeira foi a sintonía que había entre ámbolos dous malia seren conscientes de que un deles acabaría abandonando a "academia" e, quen sabe se con ela, o camiño da fama que todos eles pretenden ó someterse a tamaña centrifugación. Valor, este, que ten que ver, entre outros, coa nobreza, a empatía e a comprensión. Valores, en fin, que por desgracia non gozan de moitos minutos na televisión.

A segunda foi unha verba -a que está inserida no titular- que o segundo dos dous acabou popularizando e que a estas alturas estou seguro de que debe ser xa unha das palabras da nosa lingua máis coñecidas no resto do país, salvando, loxicamente, o universal "carallo" que tanto nos ten identificado polos cinco continentes ó longo dos tempos. Unha verba, en fin, que amosa algún camiño que se cadra se debería seguir nos foros de máxima audiencia para que os idiomas periféricos non fosen considerados por moitos españois monolingües -e, sobre todo, por moitos políticos monolingües- un muro social ó que deben enfrontarse, senón pola contra unha oportunidade de enriquecemento cultural.

E a terceira foron as bágoas que todos os que quedaron derramaron polo ourensán que se despedía e que me levou a pensar a min, unha vez máis, nese valor ó que lle damos tan pouca importancia e que, sen embargo, tanta importancia ten: O ben que acostumamos a caerlle á xente polo simple feito de sermos galegos. Cousa pola que noutros lugares seguro que nos envexan por máis que non o queiramos crer.

Te puede interesar