Opinión

Se eu fose Feijóo...

Se eu fose Feijóo -que o son, e tamén de segundo apelido, pero non o outro- explicaríalle polo miúdo que faría fronte ó desafío que lle teñen posto por diante.

Como non o son e escribir non ten cancelas, e menos riscos aínda, porque o máis que pode suceder é que non acerte, voume atrever a facer, unha vez máis, política ficción e darlle un consello polo que non lle vou cobrar nada.

Repito, se eu fose o outro Feijóo -é dicir, o presidente da Xunta- cansado de recibir cantos de serea por aquí e por acolá, polos que me queren a min, non por que me queiran a min, se non porque non queren á "outra", denantes de tomar unha decisión pola que hai tanta xente sen durmir esta tempada en Galicia e fóra de Galicia, faría o seguinte razoamento lóxico.

Logo de ter transitado polos vieiros da xestión pública nun camiño inverso dende Madrid a Galicia, de terme dado a coñecer no meu pequeno país ata o punto de ser maioritariamente apreciado pola opinión pública. Logo de ter cruzado a máis agoirenta travesía pola que ten transitado a administración nos anos estériles da crise (unha vez escoiteille dicir, cos brazos colocados en ángulo recto e as mans abertas cara o exterior, que levaba anos termando do muro para que a estructura da Xunta de Galicia non caera). Logo de ser o único representante electo das 17 comunidades autónomas que conta con maioría absoluta e cuns altos niveis de recoñecemento electoral de cara ó futuro inmediato, agora que os orzamentos volven recuperar cifras outrora esquecidas, de súpeto propóñenme que abandone as augas calmas polas que agora navego como navega a dorna pola ría e me suba a unha canoa inchable para meterme nas augas imprevisibles dos rápidos dos ríos andinos e evidentemente pedría un tempo de silencio para abandonalo todo e meterme -en palabras do ministro efémero- no ollo do furacán da xauría.

Hai uns días púñalle o exemplo que vou describir a un amigo, que penso que é bastante clarividente do que lle pode acontecer ó meu tocaio de segundo apelido, se decide coller o camiño de ningures que todo quisque lle recomenda coller.

Imaxine, benquerido lector, o baleiro case infinito que se pode sentir no medio dunha canteira das do Porriño. Pois ben, feita esta abstracción mental, imaxine que unha vez ali, coa funda de traballo calzada e o casco na cachola e un pico na man dereita, lle din, "hala..., ponte a picar todo iso e ten coidado que non te aplaste unha rocha..."

"E que me ides dar cando remate de facer o traballo?" Sería a pregunta que se debería facer, supoño.

"Pois, se para aquela aínda estás indemne -que non o cremos- botaremos unha moeda ó aire e se sae cara se cadra acabas sendo o presidente do teu país. Se cadra…”

Entón é cando, se eu fose Feijóo, contestaría: “Pois que pase o seguinte, que a min dáme a risa…”

Te puede interesar