Opinión

Unha semana ICC

Da man da Deputación, diversos espazos arquitectónicos senlleiros da nosa provincia están a serviren de monumentais escenarios para a reflexión de profesionais do sector cultural e para a análise e debate sobre cara onde camiñan -nestes tempos nos que a imaxe, o son e a virtualidade dixital o presiden todo- as vangardas dalgúns sectores da cultura actual. E isto está tendo lugar nunha semana que foi titulada como a Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense.

Vaia por diante, polo tanto, que máis alá do contido -ó que me referirei de seguido-, felicítome porque por vez primeira -que eu teña conciencia- se teña tido en conta a simboloxía do continente e se decidise que iniciativas coma esta fagan ronda por outros lugares da nosa xeografía, alén da capital. E, sobre todo, porque aínda tendo que salvar algúns inconvenientes intrínsecos ós espazos elixidos, se quixese conseguir ese efecto de contraposición conceptual entre a vangarda actual das denominadas Industrias Creativas e Culturais e a vella arquitectura civil ou monacal doutrora, que tamén no seu momento foron vangarda no contexto no que foron construídas.

¡Albricias!, pois, polo efecto conseguido e que non pare aí a cousa, xa que logo, todos estes espazos -e outros- están ben necesitados de iniciativas externas coma esta. E non só no campo da cultura, senón noutros moitos sectores, para podérense dar a coñecer fóra das nosas fronteiras máis inmediatas.

Pero, abordado o continente é certo que de pouco valería que estes espazos fosen excelentes -que o son-, se os contidos que fosen abordados non tivesen razón de ser ou non estivesen á altura das expectativas que os participantes puideran previamente ter.

E para referendar isto só abonda con traer algunha cita do convidado a abrir a semana o pasado luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel o economista que se dedica a estudar a economía da cultura, Pau Rausell.

Dixo Rausell, entre outras e moi interesantes verdades coma puños, que "tenemos que resetear las políticas culturales tradicionales". Que o deseño de "estrategias deliberadas para promocionar actividades culturales y creativas -si se consiguen- tienen efectos notables sobre el ambito estrictamente económico de un territorio". Efectos que cuantificou nunha relación de 1 a 7. É dicir, que un crecemento do 1% do sector cultural supón un crecemento do 7% da actividade económica total da rexión.

Se cadra por iso a Comisión lles ten encomendado un traballo enfocado á concienciación das autoridades locais, "porque las autoridades locales no se acaban de creer las posibilidades de los sectores culturales y creativos".

Só por isto e aínda sen ter rematado o programa, dou fe de que pagou a pena esta "Semana ICC".

Te puede interesar