Opinión

Será posible?

Andan as mareas cidadáns a procurar asento sobre a fina area das praias desta cada vez máis cambiante sociedade, que tan ben ven como vai, segundo o efecto de atracción luar que provoque esta ou aquela estrela temporal.

Andan a procurar repouso -unhas co silencio xusto do momento que lles toca arestora e o sentidiño propio de quereren elaborar mensaxes tranquilas a esa sociedade á que proximamente lle pedirán o voto e outras mergulladas en marusías e treboadas en vasos de auga- polos areais municipais de Galicia adiante, centrando a súa oferta de xeito principal nas maiores concentracións urbanas, pois xa se sabe -isto é dogma- no medio rural non hai que facer, xa que logo, están vendidos ó poder central.

E no medio da encrucillada, sen saberen cara cal dos catro puntos cardinais tirar, están os representantes desa formación política de moda sobre a que un sen fin de corifarios das emisoras de radio e canles de televisión de por aquí e por acolá espallan a boa nova da súa chegada, mentres outros debuxan o demo con coleta e andares de profesor de universidade.

Vendo con acenos de coherencia os pasos colectivos que están a dar, por exemplo, os da marea de Ourense -que como nós non temos mar, con bo criterio se titularon "Ourense en común"-, onde sen embargo quero reparar especialmente é na profunda contradición sobre a que navega esa poderosa corrente mediática, avalada, polo contra, nalgunha das capitais galegas por nada máis e nada menos ca ¡70! votos para decidiren cara onde xirar o seu temón municipal.

Resulta curioso que non haxa unha tertulia radiofónica sobre a actualidade, ningún programa de televisión de certo debate social e nin a máis mínima entrevista a algún personaxe público onde o neo-concepto político "podemos" non teñan os seus minutos de gloria -ou de inferno- e logo tan só 5 ducias por aquí, 8 ducias por acolá, unhas cantas ducias máis nos grandes núcleos urbanos e moitos -iso si-, moitos internautas, na súa meirande parte completamente anónimos, sexan os que se implican directamente na rede organizativa territorial que toda organización, sexa política, cultural, social ou meramente asociativa precisa para poder chegar a tódolos recantos do pais e en cada recanto á maioría dos sectores sociais.

Será posible -pregúntome eu con certa frecuencia, en base a esa evidencia social e a esa constatación empírica- que poida haber comentaristas que cheguen a colocar -en presente- ó líder desa formación nun estatus de "parapresidente" nacional?

Por iso me resultou insultante, esoutro día, cando, despois do debate democrático do Congreso dos Deputados, ese tal líder emerxeu coma un mesías falabarato camiñando sobre as augas do ben e do mal. E, por prudencia, non quixen mirar para atrás.

Te puede interesar