Opinión

O silencio suevo e o futuro

Cando un se pon a repasar a grandes trazos a historia de Galicia en xeral e a de Ourense en particular, semella que logo de contar con abondosa documentación física exhumada de multitude de xacementos arqueolóxicos previos á romanización (e mesmo da propia era da ocupación romana) que dan pé para interpretar moitos aspectos da vida cotiá dos habitantes daquela, a partir do descenso dos veciños dos castros ás veigas de labor chega un momento no que practicamente desaparecen os vestixios documentais e xerase un baleiro ata a aparición dos primeiros santuarios eremíticos e dos cenobios primixenios, que ten provocado que -alén dos especialistas- o resto falemos do denominado "silencio suevo".

Sorte que en Ourense había un tal Carriarico -Chariarrico, segundo Otero Pedrayo- que exerceu de rei na Galicia bracarense e en Braga un tal Martiño -San Martín de Dume-, que intermediou con outro Martín, neste caso de Tours, para que se obrase o milagre de sanar ó fillo do primeiro e así quedou impregnada na nosa historia local un dos símbolos principais daquela cultura intermedia entre a baixada dos outeiros e a asunción da agricultura como medio de vida por parte dos castrexos e -como dixen denantes- a apropiación -supoño que indebida- da terra a cambio da salvación das almas por parte dos habitantes dos mosteiros: É dicir, así quedou Ourense, por sorte, ligado "per sécula seculorum" á denominada cultura sueva.

Velaí a razón de fondo pola que a partir da próxima semana se abrirá o telón dun evento único en Ourense, que estou completamente seguro de que, ademais de axudarnos a sacar do silencio outros moitos aspectos daquela sociedade tan descoñecida para todos cantos non gozamos do privilexio de camiñar polos vieiros da erudición histórica, tamén nos convidará a reflexionarmos sobre o valor -o inmenso valor- que ten o noso patrimonio histórico, do que, por máis que repitamos coma uns autómatas ese mantra de que somos a segunda provincia española en patrimonio relixioso,  eu sigo crendo firmemente que non somos plenamente conscientes da súa dimensión.

Chegados aquí e mesmo aínda denantes de vela non podo menos ca felicitar, por unha banda ó presidente da Deputación por ter sabido afastar do seu poder de decisión os complexos crónicos e colectivos que nos pexan ós ourensáns para encararmos proxectos audaces, ambiciosos e de futuro, e pola outra ó comisario da mostra, o profesor Jorge López Quiroga, polo tenaz e complexo traballo que sei que ten levado a cabo nos dous últimos anos para que, ó fío do mil setecentos aniversario de San Martiño, Ourense poida ser protagonista, por fin, dunha mostra ó máis puro estilo de "Las Edades del Hombre" coa que a Comunidade de Castela León leva 25 anos amosándolle ó mundo con inmenso orgullo o seu lustroso pasado.

Fago votos, entón, para que, máis ca unha estación de término, esta exposición non sexa, se non, o punto de ignición dunha serie de “bienales ou trienales” temáticas que axuden a poñer ó Ourense do “novo Cristo dos tempos modernos” –que diría Curros sobre o AVE- na vangarda do mapa cultural de Iberia.

Te puede interesar