Opinión

Sinalizar que?

Reparei hoxe -onte, para vostede- nunha fotografía reproducida neste mesmo xornal na que se informaba da recente instalación dunha nova sinalización (sinalética, chámanlle os puristas da xestión turística postmoderna) nun lugar que agora non lembro e que non trato de lembrar porque resulta inocuo para soster o razoamento que desexo embeleñar, pois do mesmo xeito que é nese lugar podería selo en calquera outro recanto da provincia.

Eran preto de media ducia de frechas metálicas, coas cores institucionalizadas pola Axencia de Turismo de Galicia e que apuntaban cara un ou outro lado dando a coñecer o sentido da marcha que habería que tomar para poder visitar este ou aquel recurso turístico.

Sen ánimo de criticalo, porque cadaquén coloca os seus puntos de información onde lle peta, sempre e cando cumpra a normativa e a sinalización non engane ó posible usuario da mesma, si me gustaría dicir que me pareceu excesivo que nun só poste de sostén fose incluída tanta información xunta porque se un a consulta dende o coche -que adoita ser o habitual- cando decides ir cara un lugar é máis ca posible que o coche e un estean xa coas rodas nun barranco.

Pero, alén desa circunstancia, o que provocou en min a devandita imaxe é unha reflexión que afasta do anecdótico e pretende ir un pouco máis alá, cara unha visión de conxunto por elevación.

Unha vez ó ano, cando a administración local remata a execución dos proxectos solicitados na Axencia de Turismo, acostuman a apareceren noticias neste sentido relativas fundamentalmente a melloras nas sinalizacións de roteiros, monumentos arquitectónicos, espazos naturais ou calquera outro recurso pretendidamente turístico.

Entón é cando, a forza de velos nos medios de comunicación ou espallados por distintos lugares da provincia, a min se me presenta, tamén por elevación, a seguinte pregunta: Sinalizar que?

Sinalizar, verbigracia, un muíño ó pé do río, que por máis que teña sido restaurado con tella nova, encintado de cemento e portas de castiñeiro, ninguén será quen de visitalo por dentro porque a chave está nas mans dalgún veciño ou nun caixón do concello?

Sinalizar unha igrexa parroquial, por máis que conte con capiteis románicos ou retablos de exuberante manufactura barroca, pero que só abrirá as súas portas unha vez cada quince días porque o cura xa reparte as misas cos veciños da parroquia do lado?

Ou sinalizar unha adega que só recibe visitas en grupo e moi de cando en vez, porque o xerente non lle permite ós empregados convertérense en guías turísticos?

En fin... Que unha vez máis non sei se, pola vía da democratización, estaremos tirando ó lixo os poucos recursos económicos cos que contamos para a promoción turística, colocando o carro por diante dos bois e non os bois por diante do carro.

Te puede interesar