Opinión

Sobre minicumios e cimeiras

Non chega aínda a un mes, concretamente o día 21 de novembro, o goberno español e o seu homónimo portugués mantiveron un encontro transversal que leva por nome "Cumio luso-español" ou "hispano-luso" -que tanto monta...- e que se desenvolveu, na súa edición número 30, na cidade de Valladolid.

No caso das relacións entre España e Portugal, debido ás recíprocas connotacións ibéricas, este cumio ten carácter anual e neste caso tivo un especial protagonismo a intención de traballar no grave problema que sofren os dous países, tanto no tocante ó despoboamento das súas zonas rurais, como ó envellecemento da poboación fundamentalmente nas áreas transfronteirizas.

Nesta ocasión foron estes os asuntos que gozaron de meirande cobertura na análise de estratexias conxuntas a levar a cabo. Pero noutras edicións teñen sido outros os asuntos porque, como xa apuntei, é un encontro transversal de ti a ti entre os gobernos de dous Estados independentes que saben que teñen problemas comúns e que son conscientes de que abordándoos en conxunto son máis doados de facerlles fronte.

Como ben sabe tamén vostede, estes cumios ou cimeiras non son exclusivos de España e Portugal, senón que tódolos gobernos que dirixiron o noso país, aínda que non sexa con periodicidade anual como pasa entre os dous países de Iberia, teñen por costume organizaren encontros transversais con outros países do noso entorno, como poden ser Marruecos, Italia, Francia ou Alemania, para faceren o mesmo, é dicir, analizaran os problemas ou as estratexias de forma sectorial entre os máximos responsables de cada área e logo, asinaren entre os seus presidentes ou primeiros ministros, un acordo de mínimos que será o que marque a axenda entre ámbolos dous Estados ata que teña lugar un novo encontro.

Hoxe -onte para vostede- escoitamos con intensidade informativa que parte do goberno español e parte do catalán seica van celebraren un "mini-cumio" no que van participar o presidente do goberno español e o presidente da comunidade autónoma de Cataluña, ademais de tres ministros que se reunirán cos conselleiros respectivos do ramo.

Logo escoitei á vicepresidenta asegurar que isto é unha cousa normal entre institucións e tiven que abrir coas mans os pavillóns auditivos para engulir que o que estaba oíndo era certo.

Non é que lle poña ou lle quite eu razóns ou argumentos a ese encontro entre ministros e conselleiros, pero xa para empezar, descoñezo cal debe ser o seu nome: Mini-cumio hispano-catalán?

Pois ben, de ser así de normal e de ser eu o presidente da Xunta, nestes intres xa tiña presentado un escrito no rexistro da Moncloa para solicitar unha cimeira hispano-galega, porque asuntos hai de abondo. E xa que é normal…!

Te puede interesar