Opinión

Un suízo, dous alemáns...

Podería ser un conto deses que comezan sempre con "era unha vez un galego, un...". Pero non. Foi algo que me aconteceu a min hoxe pola mañá e que dun xeito empírico non fai máis ca referendar algo sobre o que con certa frecuencia veño reflexionando nesta columna. Isto é, que dificilmente se chegará a consolidación do turismo termal polo que a provincia de Ourense está apostando tan decididamente nos últimos anos, sen un turismo cultural ben deseñado, profesionalmente atendido e axeitadamente promocionado, á altura dos recursos patrimoniais cos que afortunadamente temos sido agraciados pola historia.

Paso de contado a relatarllo.

Luns, 25 de setembro, 10 da mañá. Un músico ourensán co que compartín hai unhas semanas propostas de proxectos musicais en lugares senlleiros do noso patrimonio monumental, atópase comigo na Praza Maior da miña vila. Acompáñao un señor maior que en forma de saúdo me devolve un sorriso, sen máis. Pregúntolle que o trae por Celanova e coméntame que quen o acompañaba é un profesor suízo -de Xenebra- ó que lle gustaría ensinar o órgano conventual.

Respóndolle que, por razóns evidentes de descanso do persoal, a oficina de turismo está pechada ós luns, pero que se me concede un tempiño fago o posible por acompañalos para que o seu convidado non quede sen coñecer o maxestoso instrumento monacal.

Cursamos unha visita rápida e cando os estou despedindo, ó pé da escaleira abacial, vexo tres parellas en idade de gozar xa do descanso merecido, que pasean con curiosidade polo claustro procesional. Ó ver a miña despedida, un deles achégase onda min e nun correcto español que min quixera o seu inglés, pregúntame cómo poderían visitar a Capela de San Miguel. Volvo sobre a explicación dos luns que, como eles ben saben, é norma xeral para o descanso do persoal no ámbito turístico, ó mesmo tempo que os acompaño para saldar a súa curiosidade arquitectónica, da que marchan sinxelamente abraiados, non só pola súa singularidade arquitectónica, senón tamén pola súa curiosidade equinoccial.

Unha das parellas era alemá. Concretamente dunha localidade achegada a Munich, denominada -velaí qué cousas- San Salvador.

As outras dúas parellas proceden de Londres e atópanse realizando un percorrido cultural polos catro puntos cardinais galegos. Fixeran noite en Allariz, por certo.

Era luns. Vinte e cinco de setembro. Un día no que ninguén daría un peso se tivera que apostar porque se achegara a tan afastado lugar. Sen embargo, velaí estaban un galego cun suízo, dous alemáns e tres ingleses, cada quen co seu propio itinerario, demostrándonos o potencial de demanda que por fortuna atesoura o noso patrimonio cultural. Casualidade? Non creo. Por máis que os xestores oficiais do turismo pensen que só hai turismo cultural en Santiago, nos arrabaldos da catedral.

Te puede interesar