Opinión

Tensión

Lembro o entreacto dunha entrevista que Iñaki Gabilondo lle fixo a José Luís Rodríguez Zapatero nunha etapa achegada a unhas eleccións nas que o que aínda era presidente do goberno lle dicía ó xornalista, entre bambalinas, algo así como que o que o seu partido precisaba para poder manter opcións de volver acadar goberno era "tensión". É dicir, que a información transmitida polos medios de comunicación respecto das noticias xeradas polos partidos políticos e polo propio goberno mantivese á sociedade en tensión para que non relaxaran o seu voto potencial e cando este se fixese cinético, ou sexa, foso metido na urna, caera de anverso, de reverso ou de canto, acabase sendo contabilizado pola súa formación.

A conversa tivo lugar no 2008 e ó final deulle resultado porque o presidente leonés continuou outros catro anos.

Tensión e dramatización. Iso era o que desexaba José Luís Rodríguez Zapatero para un país que estaba a piques de dar un paso á fronte para caer por un barranco en caída libre da que aínda non se recuperou.

Non sei se, como de tantas outras cousas, se sentirá moi orgulloso o expresidente, daquela "pillada" que lle fixeron na televisión. Eu, sinceramente non o estaría, pois aquela tensión e aquela dramatización, xunto con outros moitos factores que non entrarían nesta columna, moldearon unha sociedade que vive permanentemente alporizada dende as máis altas esferas políticas ata a máis simple conversación. E iso, a min dáme que non é bo.

Traio isto a colación porque, polo que hoxe puiden ler neste mesmo xornal, o Concello de Ribadavia seica viviu nantronte un pleno "tenso" por mor dunha iniciativa tan transcendental para a veciñanza como é a recollida de animais.

E tensión -bueno, mellor dito, algo máis ca tensión- foi a que viviron tamén todos cantos presenciaban o pleno municipal do Concello de Ourense, cando un asistente ó mesmo insultou a un dos concelleiros da oposición.

É certo que todos cremos, cando Jesús Vázquez tomou posesión do cargo de alcalde, que a súa bonhomía e a súa capacidade para o diálogo ían axudar a precisamente destensionar unha vida municipal completamente desbocada, coma a que calquera veciño de Ourense medianamente informado foi quen de testemuñar ó longo do último mandato.

Sen embargo, moi ó seu pesar -ó pesar de Jesús Vázquez-, a teoría da tensión de Rodríguez Zapatero en Ourense empeza a coller dimensións de tornado. Dun tornado que sopra tanto por babor coma por estribor e como non amarre ben os machos corre o perigo de ser arrastrado contra os despeñadeiros denantes mesmo de que o inverno transforme o tornado nun ciclón. 

Te puede interesar